Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A necesaria reparación da memoria histórica sobre mulleres e crianzas

A arribada de A lavandeira de San Simón á literatura infantil galega representa unha noticia duplamente satisfactoria. Por unha parte, quebra a ausencia de obras orientadas ás primeiras idades sobre a Guerra Civil, que si foi tematizada en diferentes títulos xuvenís. Trátase dunha carencia inexplicable, cuxa xustificación se acha no errático prexuízo ou inmaturidade dunha sociedade que censura un asunto considerado inapropiado ou afastado da comprensión infantil. Por outra parte, rescata do esquecemento as mulleres e crianzas, ás que non se aludiu nas crónicas históricas.

A cuberta e contracuberta deste álbum compoñen unha unidade semántica que sintetiza os elementos nucleares desta narrativa de Eva Mejuto sobre a memoria. Se o espazo simbólico da illa de San Simón, campo de concentración na guerra do 36, se configura como pano de fondo, nun primeiro plano a ilustradora Brea Gregores sitúa eses personaxes silenciados das contendas. Estas imaxes figurativas enriquécense coas fotografías das gardas iniciais sobre a illa, as Lavandeiras na Xunqueira, o barco prisión..., que bosquexan o contexto real desta entrega inaugural da colección Pequena memoria, de Edicións Xerais.

Desde a voz dunha destemida rapaza, recréase a travesía na buceta de Faustino para levarlles roupa limpa e alimento aos presos. Teresa maniféstase descoñecedora do que sucede no antigo lazareto, aínda que Xulio lle descobre as crueldades infrinxidas sobre os comunistas. Nunha ascendente tensión narrativa, as revelacións máis feridoras danse na illa poboada por gardas con fusís e homes enreixados. Unha carta mecanografada e as fotografías das gardas finais dotan de identidade os compoñentes dun relato, no que se valoriza a cooperación urdida pola solidariedade de persoas anónimas como as lavandeiras, que coa súa contribución dignificaron os máis castigados.

A lavandeira de San Simón sobresae polo coidado depositado na composición dun álbum, que se articula a partir de múltiples conexións entre os seus paratextos e unha narración sumamente evocadora. A súa harmoniosa conxunción motiva a construción de espazos simbólicos, desde os que se convida a afrontar unha serena reflexión sobre asuntos complexos filtrados pola crítica social. A súa lectura implica abordar a barbarie hostil das guerras a través da balsámica linguaxe poética, á vez que se rende unha sentida homenaxe a todas as vítimas acaladas, pero sostemento dunha resistencia heroica.

magrelo@uvigo.es

03 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.