Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 08 diciembre 2021
09:11
h

A necesidade da perspectiva de xénero no dereito

Amara García Adán, que recibiu o premio Valedora do Pobo polo seu Traballo de Fin de Grao sobre a inxustiza epistémica e a argumentación xurídica, resalta o feito de que historicamente o Dereito foi feito por homes, para homes e interpretado por homes

A finais do pasado mes de marzo entregábanse os Premios Valedora do Pobo aos mellores traballos de Fin de Grao e Máster en materia de igualdade e dereitos das mulleres. As premiadas foron Amara García Adán e Ángela Fernández Dasilva, nas categorías de Traballo de Fin de Grao (TFG) e de Traballo de Máster, respectivamente. Conversamos con Amara García Adán (Vigo, 1997) que, despois de rematar o Grao de Dereito en Santiago de Compostela, está a realizar o Máster de Avogacía na Coruña. No seu traballo, “Injusticia epistémica y argumentación jurídica. Especial atención en los casos de violación”, aborda a “necesidade de conceptualizar a violación que sofren as mulleres para superar a inxustiza epistémica de carácter testemuñal que moitas viven.” Falamos con ela sobre a necesidade de incluír a perspectiva de xénero no dereito.

Que é a inxustiza epistémica e por que decidiches traballar no TFG sobre este tema?

É un tipo de inxustiza que existe nas sociedades, alén das sociais, económicas, etc. Este tipo de inxustiza está relacionada co coñecemento e ten lugar cando se lle fai un dano a unha persoa negándolle o seu coñecemento en base a prexuízos identitarios negativos. É dicir, restarlle credibilidade a un testemuño, por exemplo, polos prexuízos negativos que como oíntes temos asociados a esa persoa.

Decidín facer o meu Traballo de Fin de Grao sobre este aspecto para ver se dentro da argumentación xurídica existen aínda prexuízos de xénero que non están sendo identificados a tempo para non restarlle credibilidade aos testemuños das vítimas. En concreto, centreime en ver se hai algunha relación entre a inxustiza epistémica e a controvertida sentenza da Audiencia Provincial de Navarra, Sección 2ª, 38/2018, de 20 de marzo, comunmente coñecida por ser o caso de “La Manada”

Pódesme falar da análise de influencia dos estereotipos de xénero na interpretación das normas e na valoración das probas testificais?

Na toma de decisións dun xuízo teñen lugar diversos factores, entre eles o contexto e a propia linguaxe. Temos que ter en conta que os xuíces, como o resto dos seres humanos, nacen, crecen e opositan nunha sociedade chea de prexuízos e estereotipos que non desaparecen por ter accedido á carreira xudicial se non se lles presta a atención debida.

Debido ao prexuízos que aínda perviven na sociedade en canto ás mulleres en xeral e respecto á violencia sexual en concreto, pode chegar a darse en toda actuación xudicial o que Miranda Fricker denomina inxustiza epistémica, da que xa falamos antes. Isto ten como consecuencia que a vítima non poida transmitir a súa experiencia da violación en forma de coñecemento xa que o tribunal exerce un poder identitario de xénero que dana a súa confianza epistémica. Podemos dicir que a negación da violencia de xénero a día de hoxe é unha forma de inxustiza epistémica.

Sumando por tanto os prexuízos que existen aínda a día de hoxe na sociedade sobre o que significa ser muller –falta de racionalidade, desconfianza dos relatos, etc–; os prexuízos que existen sobre a violencia sexual – eles só querían pasalo ben e seguro que ela provocou–; e que a argumentación xurídica ao ser un uso da linguaxe non é inmune a estes prexuízos, é necesario que empecemos a fixarnos na existencia dos mesmos e as súas consecuencias.

Por que é tan necesario incluír a perspectiva de xénero dentro do dereito?

Porque historicamente o Dereito foi feito por homes, para homes e interpretado por homes. Nada humano é neutral e os discursos sempre están atravesados por valores que van depender do contexto social. Para poder identificar estes prexuízos e poder erradicalos é necesario atender á parcialidade dos discursos para dar unha mellor solución ás experiencias das mulleres en xeral e, en concreto, á violencia sexual

Que é preciso para levar a cabo os cambios necesarios?

Considero que o mellor camiño é a educación. Que as leis integrais sexan integrais de verdade e que a práctica non recaia tanto no dereito penal. O dereito penal ten que ser a última ferramenta do Estado. É dicir, precisamos actividades de prevención antes de acudir ás sancións. É necesario educar en igualdade, educar para que os roles de xénero non se sigan repetindo. Na miña opinión, a formación en xénero deberíase enfocar xa dende o comezo na formación de novos e novas xuristas así como na propia carreira xudicial. Ao mesmo tempo, para conseguir superar as inxustizas epistémicas existentes na sociedade vai ser imprescindible someter a unha análise crítica e feminista a argumentación xurídica. Ademais, considero que a inclusión da perspectiva de xénero, tanto no Dereito en xeral como na argumentación xurídica en particular, é unha cuestión moi positiva. Deste modo avanzaremos para que non se exclúan as experiencias das mulleres e poidan confiar no sistema xudicial construíndo unha sociedade máis xusta.

Así mesmo, é precisa unha reforma no Código Penal. A división que se fai entre abuso ou agresión sexual non atende ás características dos actos sexuais, senón aos medios empregados para transgredir o ben xurídico da liberdade sexual. Imponse como criterio de medición a intensidade do ataque no lugar da decisión da vítima. Parte da doutrina, como Rosario de Vicente Martínez, considera que hai que superar esta actual redacción para dar unha adecuada resposta aos accesos carnais cuxa simple punición como abusos sexuais, dende o punto de vista terminolóxico, resulta claramente insatisfactorio. Considera que atendendo ao Convenio de Istambul, deberíanse unificar nun só precepto xa que o que da a razón de ser á violación é o atentado á liberdade sexual e non o medio que se emprega para a súa comisión.

02 jun 2021 / 01:39
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.