Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A pegada de Afonso X na cultura galega, nunha exposición en Ourense

O Marcos Valcárcel acolle a mostra, organizada polo Consello da Cultura Galega e pola Deputación, ata mediados de agosto

O centro cultural Marcos Valcárcel acolle desde onte a exposición Afonso X e Galicia, na que se fai un percorrido por unha das figuras máis relevantes da cultura europea a través de documentos, testemuñas arqueolóxicas, literarias e musicais, que amosan a súa pegada na cultura galega no medievo, “e que permite comprobar o seu legado desde a perspectiva ourensá”.

Así o destacou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no acto de inauguración desta mostra, no que tamén participaron a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; os comisarios da exposición, Antoni Rosell e Afonso Vázquez Monxardín, e a xefa territorial de Cultura da Xunta de Galicia, Sandra Quintas.

Na súa intervención, Manuel Baltar agradeceu a iniciativa do Consello da Cultura Galega cunha mostra, na que tamén participa a Deputación, que permitirá comprobar “o inxente traballo cultural do Rei Sabio no 800 aniversario do seu nacemento, un persoeiro que levou á maior cualificación á lingua galega tanto na lírica profana como relixiosa na idade media e que contemplou o plurilingüismo como un elemento esencial da cultura”.

“Desde esta nación cultural que chamamos Galicia e como se fose un Pórtico do Paraíso, que se construíu na súa época -engadiu- temos a oportunidade de seguir conmemorando o gran labor de investigación de Afonxo X e a súa pegada en Galicia, tamén desde a perspectiva ourensá”.

Felicitou e destacou o labor dos comisarios cunha mención “a outro Afonso, Vázquez Monxardín, que moi acertadamente completou esa visión ourensá cunha selección documental, na que se atopa unha edición facsimil do ano 1979 correspondente ao tomo primeiro da cantiga un das Cantigas de Santa María, procedente da Biblioteca de San Lorenzo del Escorial, pero que estivo ata agora no Pazo provincial a disposición de calquera visitante que quixera comprobar o xigantismo cultural do rei”.

Rosario Álvarez subliñou que deuse unha “ocasión excepcional para organizar esta mostra, por ser este un Ano Santo que nos recorda o vínculo especial que Galicia tivo con Europa e o mundo a través do Camiño de Santiago e no que, ademais, recuperamos un rei que foi grande dentro da nosa cultura, con ese monumento á literatura universal que son as Cantigas de Santa María, escritas integramente en galego, e impulsor das linguas romances fronte ao latín”.

“Quixemos facer unha exposición que destacara a figura de Afonso X e a súa conexión con Galicia -afirmou Álvarez-, pero ademais mostrar a un rei cun proxecto político e cultural, os avances no seu coñecemento grazas á investigación pluridisciplinar nas últimas décadas, que fose divulgativa, válida para todos os públicos, que tivera en conta o ámbito educativo, para moverse dentro e fóra de Galicia, e para que funcionara en tempos que non estaban previstos”, sen deixar de citar “a pegada afonsina no contexto ourensán”.

Os dous comisarios da exposición sinalaron que con esta mostra “poñemos de relevo e difundimos o patrimonio galego medieval contemporáneo a Afonxo X”, dixo Antoni Rosell, mentres Afonso Vázquez Monxardín destacou “a importancia que o rei e a súa familia tiveron en terras ourensás”, e que se pode ver nalgunhas das incorporacións como os catro códices das Cantigas de Santa María que posúe a biblioteca da Deputación provincial.

A xefa territorial de Cultura da Xunta engadiu pola súa banda que “hoxe vemos aquí que Galicia ten memoria do seu patrimonio cultural”.

A exposición, que permanecerá aberta ata mediados de agosto, chega a Ourense enriquecida cunha serie de materiais que permiten exhibir a conexión que mantivo na súa vida o Rei Sabio coa provincia galega.

Entre eles, O Tombo das viñas de Ribadavia, un pergamiño procedente do mosteiro de Melón, custodiado no Arquivo da Catedral de Ourense que se exhibe por primeira vez e que está considerado como un dos primeiros documentos en galego.

A mostra inclúe cinco bloques temáticos: a dimensión máis humana do rei; un percorrido pola vida e conflitos persoais do monarca; o seu labor científico, histórico e cultural; unha área musical con instrumentos medievais; un espazo para as Cantigas de Santa María, e unha última zona onde se ilustra graficamente a sociedade medieval.

Ademais, preséntanse tamén varios roteiros que percorren a provincia polos espazos que gardan o legado medieval relacionado coa figura de Afonso X en forma de documentos, códices, pezas, esculturas moedas ou xoias.

Por outra parte, Manuel Baltar aproveitou a inauguración da exposición, “na que falamos de cultura, de historia e de Ourense” para anunciar o próximo inicio dun expediente para a concesión da medalla de ouro da provincia a José Paz, falecido o pasado 23 de abril, “e co que tiñamos grandes proxectos que levaremos adiante malia a súa desaparición física”.

Neste sentido, o presidente da Deputación referiuse á doazón dunha das coleccións máis importantes do mundo composta por un total de trinta mil volumes dedicados ao Premio Nobel de Literatura, o bengalí Rabindranath Tagore, nado tal día como o deste venres en 1861, ademais doutras amplas bibliografías relacionadas co mundo do cinema, da arte popular, a cultura galaico-portuguesa ou da pedagoxía.

08 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.