Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A poeta e dramaturga Heminia Fariña Cobián, xa no ‘Álbum de Galicia’

Tivo gran sona a un e outro lado do Atlántico e a súa obra estivo marcada pola natureza

Santiago. Herminia Fariña Cobián (Santiago de Compostela, 1904-Simes-Pontevedra, 1967), unha poeta e dramaturga de gran sona dun lado e doutro do Atlántico, cuxa obra estivo marcada pola natureza, a lingua, a paisaxe e as xentes de Galicia, é a nova entrada do Álbum de Galicia, que asina Sonia Sánchez.

Herminia Fariña tivo unha vida intensa, casou e enviuvou tres veces, foi unha autora precoz, que escribiu os seus primeiros poemas e participipou en recitais desde os quince anos. As súas primeiras obras viron a luz en A Nosa Terra, órgano de expresión d’As Irmandades da Fala. E aínda que publicou un poemario en castelán, Cadencias, contou co aval de Castelao, que é o autor da ilustración da portada.

O galego convértese na única lingua poética posible no seu segundo libro, Seara (1924) con portada ilustrada por Luis Pintos Fonseca no que canta as lembranzas da súa infancia na cidade de Santiago de Compostela. Son pezas marcadas por un profundo diálogo do eu lírico coa natureza insondable e profunda da paisaxe galega.

A súa obra foi moi ben acollida desde sempre tanto en Galicia como en Madrid. Ramón Cabanillas, Basilio Álvarez, Narciso Correal ou Pedro de Répide destacan o seu estilo e gaban en público as súas composicións. En 1925 chega o recoñecemento da Real Academia Galega que a nomea académica correspondente.

Ademais da poesía tamén promove a escrita dramática, que pronto vai ter presenza nos escenarios. Así, o 23 de marzo de 1927 estréanse no Teatro Principal de Santiago dúas obras da súa autoría: unha breve comedia en castelán titulada La marquesa de Miraflores, e o poema dramático en galego Margarida a malfadada que, en palabras de Fernando Salgado, “a converte na primeira muller que escribe teatro en galego”. A máis disto, a estrea de Margarida a malfadada, na que a autora asume o rol de actriz principal, foi cualificada de “éxito colosal” polo periódico El Compostelano. Isto supuxo un auténtico estímulo para o público do momento que comeza a se interesar polo teatro en galego. A obra tivo varias reposicións en Compostela e repetiu idéntico éxito en Pontevedra e Vigo, aínda que nesta última cidade foi acompañada doutra peza teatral da súa autoría e tamén en galego: O soldado froita. O seu interese polas artes escénicas lévaa a experimentar tamén co xénero da zarzuela en galego con O avarento. A obra chegara a ser musicada polo compositor José Jané, máis nunca se estreou.

En 1929 Herminia Fariña emigra a Bos Aires. Comeza Comeza unha etapa de moita actividade pública: comparte palestras con figuras como Antonio Alonso Ríos ou Ramón Suárez Picallo; colabora en publicacións periódicas como Vida Gallega, Lar, Céltiga, Sonata Gallega, La razón ou El Mundo de Montevideo. Xa en 1931, publica Hosanna. Bajo el cielo porteño, obra na que recolle as súas experiencias na Arxentina. Regresa en 1932 e instálase en Calatayud, onde non tarda en integrarse na vida cultural, participa en diferentes actos literarios e, co tempo, funda e a revista Fortaleza. Aínda que a súa produción comeza a diminuír, segue colaborando en semanarios galegos e publica obras menores como o folleto Por España y para España. El libro del combatiente (1937), con poemas en galego e castelán.

Anos despois, instalada na casa familiar de Simes en Pontevedra retoma a escrita poética, máis non chega a editar ningún libro dos que deu rematado. Si aparecen publicadas pequenas pezas en galego dedicadas á terra como Cantiga serea (1950) ou Gabanza e prego á miña aldea (1960). Durante os años corenta e cincuenta mantivo contacto coa intelectualidade de Pontevedra e retomou as colaboracións. Escribe en Faro de Vigo, no diario compostelán La Noche, na revista Ciudad e na publicación pontevedresa Litoral. Co paso do tempo, foise desvinculando da esfera pública para se refuxiar, ata a súa morte, na aldea de Simes á que tanto tiña cantado. redacciòn

12 ene 2022 / 18:11
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.