Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A prol do uso normal do catalán

Un grupo de lingüistas formula diversas propostas para actualizar a súa situación

A diferenza das linguas maioritarias ou das que gozan dunha situación de oficialidade única, as linguas minorizadas necesitan máis o concurso da sociolingüística para poder coñecer de maneira periódica o seu estado de uso polos falantes e, a partir de tal diagnóstico, deseñar ferramentas de corrección se son necesarias.

Con todo, o uso social dunha lingua que comparte territorio con outra –expresado en porcentaxes- non depende só do número absoluto de falantes que a empregan senón, sobre todo, de factores externos: a presión da lingua que lle disputa o uso. Engadamos a iso, no caso do catalán, o impacto das novas migracións chegadas co comezo do século, que supuxeron un aumento aproximado dun vinte por cento da poboación. Máis dun millón de persoas que ben trouxeron o español coma lingua de seu ou que acceden a el coma primeira lingua de instalación. Tal situación provoca que a porcentaxe de falantes habituais da lingua propia do país –coa desaparición vexetativa de moitos deles- diminúa por debaixo do corenta por cen.

Naturalmente, non cabe esperar ningunha medida de protección por parte das autoridades estatais, que seguen a ignorar –nin que sexa pasivamente- a condición unitaria da lingua catalá en Valencia, Cataluña e Baleares (e Aragón). Nese senso, poucas esperanzas podemos ter dunha necesaria lei de linguas que estableza un terreo de xogo para todas as que se falan no conxunto do Estado, con independencia da súa extensión e da súa condición oficial.

Pero como a mellor maneira de arranxar as nosas vidas é comezar por facelo na nosa casa, unha parte importante da solución para garantir a supervivencia do catalán e do seu uso social normal está nas mans dos seus falantes e das autoridades de cada territorio. Para poñer fío na agulla e comezar a coser, sete especialistas no uso da lingua catalá, vinculados a medios de comunicación e ás universidades de todo o ámbito lingüístico veñen de publicar Molt a favor. 57 propostes i un pacte per la llengua (Eumo Editorial).

Son Magí Camps (responsable da edición catalá de La Vanguardia e membro da Sección Filolóxica do IEC), Míriam Martín Lloret (colaboradora de Optimot, TV3 e TVE), Rudolf Ortega (asesor lingüístico en diversos medios, entre eles o Quadern de El País), María Rodríguez Mariné (responsable lingüística do xornal Ara), Ivan Solivellas (colaborador en diversos medios das Balears e das Pitiüses), Pau Vidal (divulgador lingüístico, colaborador en medios audiovisuais e encrucilladista) e Enric Gomà (divulgador e guionista de radio e televisión), que coordinou a edición.

As propostas que presentan son diversas en canto ás persoas e aos ámbitos de uso que afectan. Quedan limitadas aos territorios do Estado español onde o catalán é lingua oficial, xa que Andorra, Cataluña norte e o Alguer están suxeitos a lexislacións estranxeiras. Unhas son máis factibles e outras resultan voluntaristas; algunhas poden resultaren provocadoras ou –polo contrario- son obvias pero non están resoltas nin hai visos de que o estean.

Unhas propostas e mais o manifesto común final (“Un pacto pola lingua”) que parten de tres premisas: os cataláns sabemos diagnosticar pero non dar solucións; o estado da lingua catalá non é tan tráxico como defenden os sociolingüistas catastrofistas; e as novas xeracións teñen que asumir a lingua coma ferramenta útil nas súas vidas. Todo cun dobre obxectivo: volver ao uso do catalán cotián e popular de maneira que actúe coma lingua social e de acollida. E para iso as administracións públicas (especialmente os concellos) son as principais responsables.

Sen entrar no contido das propostas, unha das que resultan máis provocadoras é sen dúbida a primeira. Propón que os políticos, cando fagan unha rolda de prensa, só empreguen a lingua catalá e eviten a repetición en castelán as declaracións feitas, de maneira que en España adiante se faga visible. Un costume –cuxas causas o autor prudentemente non cita- que apareceu coincidindo co procés, tal vez para que este aparecese máis amable aos ouvidos dos españois. En calquera caso, unhas reflexións a ter en conta e non só en terras catalás.

Joaquim Ventura

22 jul 2021 / 20:34
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.