Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A RAG estrea a súa primeira serie documental das Letras Galegas

Dedicada á autora homenaxeada o 17 de maio, ‘Xela Arias. A palabra esgazada’ aborda en seis capítulos a súa traxectoria vital e as distintas facianas de creadora

A linguaxe audiovisual será un dos piares fundamentais da programación das Letras Galegas 2021 da Real Academia Galega. A institución presentou este luns a súa primeira serie documental arredor desta celebración, Xela Arias. A palabra esgazada, unha achega en seis capítulos á vida e á obra da autora á que lle rende homenaxe o vindeiro 17 de maio guiada polas propias palabras da homenaxeada.

O capítulo 1, centrado nos primeiros anos de vida da escritora, editora, tradutora e docente, os transcorridos entre a Sarria natal, a cidade de Lugo e o Vigo que a acolleu a partir dos sete anos, pode verse xa na páxina web da RAG, academia.gal, e nas súas redes sociais.

Os demais episodios, que se estrearán cada martes ata a semana previa ao Día das Letras Galegas, profundarán nos ambientes que condicionaron a ollada e a escrita de Xela Arias -en especial o urbano próximo á movida dos 80- e nas súas distintas facetas, non só como escritora transgresora e en constante diálogo con outras artes, senón tamén como unha das primeiras profesionais do mundo da edición e da tradución nunha incipiente industria editorial que tiña como misión normalizar a lingua galega e fixar a normativa.

O presidente en funcións da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; o fillo de Xela Arias, Darío Gil Arias; a académica Marilar Aleixandre e mais a guionista de Xela Arias. A palabra esgazada, María Yáñez, participaron este luns na rúa Tabernas da Coruña na presentación da programación audiovisual das Letras Galegas 2021 da institución, á que tamén asistiron a nai da homenaxeada, Amparo Castaño, e mais o seu irmán Lois Arias.

Ademais desta serie documental de seis episodios duns 10 minutos de duración, realizada da man da produtora Miramemira, a RAG programará cada día, de mércores a luns e ata o vindeiro 16 de maio, a serie de microespazos audiovisuais Xela Arias. Onde canta a poeta, homenaxe colectiva que comparte testemuños de quen coñeceron a autora xunto a novas olladas e recitados dos seus escritos de académicos e académicas, persoeiros do mundo da cultura, mozos e mozas e cidadáns e cidadás de distintos perfís profesionais.

Ambas as series foron realizadas co apoio económico da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Ciencia e Innovación e poderán verse tamén na Televisión de Galicia, que cedeu material do seu arquivo sobre Xela Arias para a produción d’A palabra esgazada.

A voz de Xela Arias tamén se escoitará nesta serie recitando os seus versos nas gravacións cedidas polo músico Fernando Abreu, con quen a poeta preparaba un espectáculo poético-musical no momento do seu pasamento en novembro de 2003.

Das raíces ao legado da escritora na voz de novas poetas da terra

A Coruña. O presidente en funcións da RAG, Henrique Monteagudo, sinalou o audiovisual como un medio especialmente propicio para “comunicar a vitalidade e a forza que Xela Arias despregou tanto na literatura como ao longo da súa vida”.

Na mesma liña, Marilar Aleixandre destacou que o Ano Xela Arias está a demostrar, como agardaba a RAG ao decidir dedicarlle as Letras Galegas 2021 á autora, que “o valor innovador da súa voz poética ten moitas posibilidades de dialogar coa xente nova”.

A serie documental Xela Arias. A palabra esgazada transmite a forza que tivo e ten a súa protagonista “polas decisións que tomou na súa vida e por como a lembran os seus achegados, cunhas ganas de vivir a vida intensamente e un inconformismo co mundo e co sistema que a rodea”, expuxo María Yáñez..

“Todo iso é relevante na medida en que axuda a entender a súa obra. Tanto a súa vida como a súa literatura son rompedoras, esgazan os clixés establecidos. Por iso quixemos que fragmentos de poemas, declaracións súas e outros escritos que deixou nos guiasen dalgún xeito na narración”, explicou a guionista.

A serie conta coa voz de poetas novas galegas para darlles vida a esas palabras que van ganduxando un relato rico en testemuños que trazan os distintos perfís da autora.

A nai de Xela Arias, Amparo Castaño, o seu irmán Lois Arias, o fillo, Darío Gil Arias, e a exparella, Xulio Gil; artistas e escritores coetáneos como o músico Fernando Abreu ou a poeta e académica Ana Romaní; compañeiros de Xerais como Xulián Maure, Víctor F. Freixanes, Celia Torres e Manuel Bragado; e profesionais da tradución como Xavier Senín e Tamara Andrés son parte das persoas que participan canda outras voces novas como as de Berta Dávila, Arancha Nogueira, Alba Cid, Silvia Penas ou Marcela e Andrea Porto, da Banda da Loba. ECG

05 abr 2021 / 14:24
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.