Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A RAG profunda durante esta semana na obra poética de Florencio Delgado Gurriarán

Diferentes voces afondan na produción literaria do escritor de Valdeorras no novo capítulo da serie producida pola institución

O mes de maio arrinca cheo de versos do protagonista do Día das Letras Galegas 2022, tamén dende o audiovisual. A Real Academia Galega estreaba este xoves o cuarto episodio da serie documental Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda, unha entrega centrada na poesía do autor valdeorrés que descobre unha traxectoria poliédrica que abrangue dende unha sensualidade unida á paisaxe do viño da súa terra, Valdeorras, ata a poesía satírica antifranquista e, xa dende o exilio, un feixe de poemas singulares na literatura galega que fan súa a forza tímbrica do léxico náhuatl e a musicalidade do son mexicano. O episodio pode verse en academia.gal e na canle de Youtube da RAG.

O crítico literario e escritor Miro Villar, autor de Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta no exilio mexicano, divide en tres etapas a produción poética de Florencio Delgado Gurriarán: a da poesía de preguerra, debedora do hilozoísmo de Amado Carballo e na que destaca o seu primeiro libro, Bebedeira (1934); a da poesía de combate, con composicións moi belixerantes e satíricas contra os golpistas, algunha delas sobre o propio Franco, e a do poeta que emerxe décadas despois, o Florencio de Galicia infinda, “o seu mellor libro”, segundo valora Miro Villar neste capítulo.

“En Bebedeira a natureza sae por todos os lados, unha natureza animada”, resume o docente e escritor Julio Pérez Veiga, outra das voces que ganduxan este percorrido pola poesía do autor. “Estanos a trasladar a paisaxe [de Valdeorras] a través do que el recibía dela: esas cores, eses cheiros, esa luz que despois reflicte nos seus poemas”, engade a directora do proxecto As Letras de Florencio, a filóloga Débora Álvarez Moldes.

O presidente da RAG incide noutro elemento clave na obra que inaugura o legado bibliográfico de Florencio: a sensualidade, expresada a través dun universo no que a boca da amada sabe a garnacha. “É un libro da alegría de vivir, da reivindicación e da afirmación da sensualidade da vida, do amor, dos costumes e das tradicións da terra de Valdeorras. Por iso se titula Bebedeira”, apunta Víctor F. Freixanes.

A segunda etapa do autor está marcada polo golpe de Estado, aínda que con anterioridade a xullo de 1936 xa cultivara a poesía política, matiza o académico Xesús Alonso Montero.

O poeta máis plural e completo aparece nas páxinas de Galicia infinda, editado dende Vigo por Galaxia no ano 1963, cinco antes da súa primeira viaxe ao país dende o exilio.

“Hai unha serie de temas neste libro que o fan unha xoia literaria no conxunto da súa obra”, sentencia Miro Villar ao respecto. Entre eles, unha mestizaxe galegomexicana que abrangue dende as paisaxes ata a lingua.

Sete mil alumnos ourensáns participarán na Semana Escolar das Letras Galegas

Santiago. A vindeira semana celebrarase a oitava edición da Semana Escolar das Letras Galegas, organizada pola Deputación de Ourense e na que participarán máis de sete mil estudantes procedentes de 51 centros educativos da ESO de toda a provincia.

Todos eles recibirán un exemplar do libro Florencio Delgado Gurriarán fronte á exaltación da natureza, escrito por Xosé Antonio Perozo e ilustrado por Antonio Seijas.

A Semana Escolar das Letras Galegas foi presentada este xoves na sala de prensa da Deputación polo vicepresidente segundo do goberno provincial, César Fernández, e o propio autor do libro.

César Fernández resaltou a importancia de poñer en valor a figura de Delgado Gurriarán, que será homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022: “É un perfil moi interesante, ten moito que aportar tanto na súa faceta poética coma no seu aspecto político e nas facetas da súa vida”.

Coa lectura do libro e o traballo didáctico na aula, os alumnos poderán aproximarse a Delgado Gurriarán. ecg

05 may 2022 / 17:14
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.