Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A RAG publica un relato do pai de Xela Arias para celebrar o Día da Lingua Materna

Freixanes reivindica nun artigo a transmisión xeracional do galego, unha “riqueza” que abre a “porta ao multilingüismo”

SANTIAGO. EP. A Real Academia Galega (RAG) celebrará o Día da Lingua Materna, que se festexa este domingo 21 de febreiro, coa publicación do relato 'Xeliña fala galego', escrito polo mestre e tradutor Valentín Arias en boca da súa filla, a poeta Xela Arias, á que se lle dedica as Letras Galegas de 2021. Este texto, que estará dispoñible na web 'academia.gal', foi publicado en 1968 e conta a experiencia de Xela Arias como unha nena de sete anos criada en galego.

Este relato publicarase xunto a un artigo do presidente da institución, Víctor F. Freixanes, para reivindicar a transmisión xeracional do idioma como "unha riqueza" para "celebrar", á vez que lembra que o galego é "unha porta ao multilingüismo".

Precisamente, sobre isto mesmo pon o acento tanto a Unesco, para celebrar o Día da Lingua Materna do 2021, como a historia que Valentín Arias lle dedicou á súa filla.

Neste contexto, o presidente da RAG explica no seu artigo, titulado 'Lingua da memoria', que a proposta da Unesco "ten este ano un obxectivo moi concreto: fomentar o multilingüismo para a inclusión na educación e na sociedade".

Ademais, Freixanes fai fincapé en que o relato de Valentín Arias 'Xeliña fala galego' "é moi significativo respecto diso", porque fala de "multilingüismo sen renunciar ás raíces, profundando nelas, para construír unha sociedade sen complexos".

O pai de Xela Arias publicou en 1968, nun especial das festas de San Xoan, en Sarria (Lugo), este relato do que a súa filla é a protagonista: unha pequena de sete anos que, aínda que xa aprendeu castelán, ten ao galego como lingua materna por decisión dos seus proxenitores.

Freixanes reflexiona no seu artigo sobre o valor afectivo da lingua materna, que é "a primeira da memoria", e subliña a importancia de garantir a transmisión xeracional do idioma propio de Galicia: "Unha riqueza que debemos potenciar, celebrar e asegurar, pois non é incompatible con outras experiencias".

No entanto, o presidente da RAG tamén aproveita a celebración do Día da Lingua Materna para defender o valor daquelas persoas que non se criaron en galego pero que deciden dar o paso anos máis tarde, xa que os neofalantes "son moi importantes" para "a recuperación e o uso social" do idioma.

21 feb 2021 / 11:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.