Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A RAG recoñece a Delgado Gurriarán e pide á Xunta colaborar a prol do idioma

No Día das Letras Galegas, Freixanes solicita ao Executivo autonómico máis vías de apoio en beneficio da lingua “que nos ocupa e que nos preocupa” // Córgomo, a nova “capital literaria”

“Dende a Real Academia Galega, que ten a encomenda institucional de velar pola lingua, facemos votos para que poidamos abrir novas vías de colaboración a prol do idioma que nos ocupa e que nos preocupa”. Con esas palabras dirixiuse onte o presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes, ao novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda Valenzuela, concluíndo a súa intervención no pleno do Día das Letras Galegas. Nun martes dedicado ao poeta Florencio Delgado Gurriarán na Aira dos Bolos de Córgomo (Ourense), onde o homenaxeado xogaba aos birlos co resto dos mozos cando era pequeno, quedou patente que para o noso idioma “non son poucos os desafíos que os novos tempos presentan” e que agora toca superalos.

“Se aceptamos que a lingua é un territorio de unión, modernidade e afectos, marca de identidade por riba das siglas e diferenzas, oxalá saibamos atopar novas iniciativas para avanzar no seu desenvolvemento, integrando todos os axentes sociais que poidamos sumar”, indicou Freixanes, manifestando que “neste ano 2022, Córgomo é a capital literaria de Galicia e a capital universal da lingua galega”, esa “Galicia infinda” da que falaba o propio Gurriarán. “Córgomo é hoxe a capital das letras galegas para todo o mundo, capital dunha lingua que nos une e nos identifica, unha lingua na que nos recoñecemos e na que viaxamos xuntos no río do tempo”, engadiu.

No tributo ao valdeorrés, “exemplo de coherencia e compromiso” e símbolo do exilio galego, o presidente da RAG agradeceu especialmente a presenza de Celia, Maruxa e Carmiña Delgado, as fillas do poeta, e do seu neto Roberto, chegados dende México e os Estados Unidos para a ocasión. Ademais, enviou unha afectuosa aperta á súa viúva, Celia Teijeiro, que non puido estar no acto.

Freixanes tivo tamén palabras de agradecemento ás institucións e a sociedade valdeorresas que, arredor do proxecto As Letras de Florencio, desenvolveron “un papel especialmente activo como animadores e difusores da memoria de Delgado Gurriarán para que esta celebración fose posible”. Por outro lado, aplaudiu o traballo do Concello de Vilamartín de Valdeorras, que exerceu de anfitrión dunha celebración que continuou polas rúas da aldea cunha festa en comunidade, como lle gustaría ao galardoado, unha persoa que todo o mundo lembra como vital, alegre e amante da música e do baile.

Finalmente, o presidente da RAG concluíu a súa intervención dirixíndose ao novo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, que asistiu ao evento días despois da súa toma de posesión, pedíndolle ao líder autonómico esas “novas vías de colaboración a prol do idioma”.

A sesión plenaria arrincou cunha afectuosa ovación dedicada á familia. Deseguido, a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense interpretou cancións como a Marcha do Antigo Reino de Galicia, a “Alborada de Veiga” e a “Muiñeira de Chantada”. Tras isto, pecharon o acto coa interpretación do Himno galego.

Tres olladas a un autor comprometido, con versos “matrióticos e patrióticos”

Santiago. Ramón Villares, Rosario Álvarez e Xesús Alonso Montero interviñeron no homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán para poñer o acento no compromiso democrático e cultural do poeta valdeorrés, na súa contribución á construción do idioma galego estándar e nos seus versos “matrióticos e patrióticos”.

Botándolle tres olladas ao autor, dende o pensamento e acción política, a lingua e a literatura, a quenda de alocucións académicas sobre o galardoado arrincou coa participación Villares, que se centrou no pensamento e a acción política que Delgado Gurriarán amosou en tempos de paz, na guerra civil e mais no exilio. Neste senso, fixo fincapé na súa biografía, “chea de adversidades e algún golpe de sorte”. Malia que puido tentar embarcar rumbo á outra beira do Atlántico ao comezar a guerra civil, a súa conciencia política levouno ao reencontro cos irmáns galeguistas na fronte republicana e, de feito, chegou a ser mediador cos refuxiados para seren evacuados dende Francia cara a América, no que foi talvez o período “máis heroico da biografía enteira de Delgado Gurriarán”, segundo repasou o director da Sección de Historia da RAG.

Por outra banda, a directora da Sección de Lingua, Rosario Álvarez, detívose na lingua do homenaxeado quen, tomando como punta de partida a fala de Valdeorras, sempre tivo a vontade de “sumarse á construción colectiva dun galego culto válido para todos os habitantes da Galicia infinda”. “Aposta por un modelo idiomático que debe ser supradialectal, translocal, nacional; que debe procurar a enxebreza sen por iso afastarse artificiosamente do uso común e da doada comprensión dos falantes; un galego desacomplexado que non se automutile por un trabucado impulso diferencialista”, dixo.

Da parte literaria encargouse en último lugar Xesús Alonso Montero, que ofreceu análise da condición de Florencio de poeta matriótico e asemade patriótico: un cantor das cousas das terras de Valdeorras e tamén poeta cívico, das causas, en referencia aos versos galeguistas e sociolingüísticos que cultivou xa dende os tempos da República. REDACCIÓN

18 may 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.