Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 07 julio 2022
00:13
h

A Ragba dedica o Día das Artes Galegas de 2023 a Martín Códax

Considérase un símbolo musical e referencia da esencia da música popular e culta de Galicia

A Real Academia Galega de Belas Artes celebrou este sábado, 18 de xuño, a súa sesión ordinaria en Verín, onde decidiu, tras votación regulamentaria, homenaxear ao longo do próximo ano, e en especial no Día das Artes Galegas que se conmemora o 1 de abril, a Martín Códax, trobador galego da segunda metade do século XIII e comezos do XIV, e posiblemente de orixe vigués.

A Ragba explica que a figura de Martín Códax, con todo o que representa, é o persoeiro máis indicado para protagonizar o Día das Artes Galegas 2023, por primeira vez na súa vertente musical.

Segundo sinala, a grandeza da lírica medieval galega explícase pola conxunción de texto e música, de tal xeito que a música é o vehículo do texto poético. O monumental corpus medieval das cantigas galegas (máis de 2.100) ten unha dimensión histórica, cultural e identitaria que, aínda que ninguén ignore, posiblemente non se chega a ser plenamente conscientes do seu verdadeiro alcance.

Deixando a un lado as Cantigas de Santa María de Alfonso X, que se conciben como un todo en si mesmas, as cantigas que se conservaban dos trobadores e xograres galegos carecían do texto musical correspondente. Por isto, a descuberta en 1914 por parte de Pedro Vindel, do pergameo que leva o seu nome, contendo a música de seis cantigas de Martín Códax, supuxo unha revelación para os estudos da música medieval europea de gran transcendencia internacional.

Paralelamente, en Galicia, estábase a vivir nese momento, a principios do século XX, unha gran eclosión do nacionalismo musical, que xa iniciara no século XIX Marcial del Adalid, que continuaran Juan Montes e Pascual Veiga, e que seguían cultivando José Castro Chané e José Baldomir, entre outros.

Dentro dese ambiente nacionalista, en 1917 Santiago Tafall (1858-1930), cóengo e Mestre de Capela da Catedral de Santiag, publica a primeira transcrición das cantigas de Martín Códax.

A Ragba sinala que esta transcrición teríase que tomar hoxe en día con certas reservas, xa que na súa época a musicoloxía e a etnomusicoloxía eran ciencias que aínda non alcanzaran o desenvolvemento actual.

Así e todo, nos comentarios de Tafall que acompañan á transcrición, atópase a chave do que significou a descuberta das melodías de Martín Códax para a conformación da identidade musical galega nun momento de auxe do nacionalismo musical: “Lo que puede afirmarse, sin duda alguna, es que las Melodías Codacianas son genuinamente gallegas; tienen todo el sabor y el encanto de las que aún hoy día podemos oír a nuestros campesinos, y llevan en su entraña el quid musical de la raza, conservado hasta el presente, por lo visto, dada la comparación que podemos hacer entre las actuales y las Codacianas del siglo XIII”.

A partir dese momento, é dicir, hai máis dun século, Martín Códax incorpórase á nómina dos símbolos culturais da comunidade no seu apartado musical, alén do literario. Así, o profesor Filgueira Valverde subliña, referíndose a esta transcrición que Tafall fai: “Notar que en tonalidad, giros melódicos y cadencias se conforman con los actuales alalás”.

O Día das Artes Galegas foi creado pola Ragba en 2015, celebrando ao Mestre Mateo.

24 jun 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito