Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A RAGC nomea a Ríos Fernández presidente de honra

A investidura do impulsor da Química Cuántica en Galicia celebrouse no acto de apertura do curso académico da institución

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou onte a apertura do seu curso académico nun acto no Pazo de San Roque en Santiago de Compostela tamén transmitido pola canle de YouTube da RAGC.

Asistiron ao evento o presidente da RAGC, Juan M. Lema Rodicio, outros membros do equipo de goberno e académicas e académicos da entidade. Ademais, contouse coa presenza de autoridades como o reitor da Universidade de Santiago (USC), Antonio López; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey; e o secretario Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro.

O académico numerario da RAGC, Juan R. Quintás Seoane, ofreceu unha lección maxistral, titulada A globalización en transición. O catedrático de Análise Económica, que foi presidente da Confederación Española de Cajas de Ahorro (CECA), manifestou que, en contra do que moitos cren, “a globalización non é unha etapa radicalmente nova e inédita do capitalismo, senón a forma máis recente de vellas tendencias trans-seculares, onde o seu despregue temporal adopta unha dinámica pendular”.

A Real Academia Galega de Ciencias nomeou neste acto presidente de honra da institución ao catedrático emérito de Química Física da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Miguel Ángel Ríos Fernández (A Ponte Ulla, Vedra. 1935).

Cunha longa traxectoria como docente e investigador, o académico numerario da RAGC exerceu o cargo de presidente de 2014 a 2019 coa convicción de que a Academia debe prestar un “gran servizo a Galicia como entidade que promove e divulga a ciencia entre a sociedade”.

Durante o seu mandato, a RAGC puxo en marcha un programa acelerado de ingresos de novos académicos, coa toma de posesión de vinte numerarios, institucionalizouse o Día da Ciencia en Galicia coa exaltación do Científico Galego do Ano, convocáronse novos premios, actualizouse a orientación e o formato da revista da Academia, e pecháronse convenios de colaboración con diferentes entidades.

“Puxen na Academia todo o meu empeño e ilusión, e hoxe recibo con humildade este recoñecemento”, expresou.

A IMPORTANCIA DA CIENCIA. Tamén, Miguel Ángel Ríos foi Secretario Xeral de I+D da Xunta de Galicia, posto no que corroborou o indiscutible valor social da ciencia como “motor do desenvolvemento socioeconómico imprescindible para garantir a competitividade das empresas” e que lle serviu de experiencia para tomar as rendas da RAGC.

“Temos que convencer á sociedade no seu conxunto de que a ciencia é esencial para manter o estado do benestar social e, polo tanto, hai que apostar por ela” , sentenciou.

Ríos Fernández proseguiu o seu discurso cunha reflexión sobre o concepto de natureza como fonte de recursos naturais e a evolución do sistema produtivo ata a actualidade, marcado polo coñecemento científico e técnico a través da investigación e o desenvolvemento.

Segundo o catedrático, un bo exemplo constitúeno as diversas vacinas creadas para combater o coronavirus, pero asegurou que o coñecemento non atopou aínda as súas fronteiras como ben demostran a intelixencia artificial e a robótica cun escenario futuro difícil de imaxinar.

“Non é posible poñer límites ao coñecemento da natureza a través da investigación, coñecemento que se converte así no recurso máis importante para o desenvolvemento socioeconómico, un recurso, en principio, inesgotable e non excluínte”, sentenciou.

Neste escenario de cambio acelerado, o novo presidente de honra da RAGC manifestou que o papel da Academia faise cada vez máis importante e debe actuar como un faro que emita constantes escintileos á sociedade, sobre todo aos máis novos, co propósito de convertela nunha sociedade cientificamente culta, pero tamén mensaxes de orientación para a utilización correcta do coñecemento científico, de asesoramento ás institucións para a toma de decisións no ámbito da ciencia.

“A RAGC necesita un novo impulso para que poida así exercer coa maior eficiencia a súa importante misión ao servizo de Galicia”, apuntou.

datos
Pioneiro

··· Miguel Ángel Ríos Fernández comezou como bolseiro da Fundación Juan Marx e especializado na Universidade de Kent, para despois ser o impulsor da Química Cuántica en Galicia. No seu grupo, instalouse o primeiro ordenador vectorial que chegou á comunidade, un Convex C-120.

06 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.