Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras 2021 a Xela Arias

Renderalle homenaxe a unha voz singular da xeración que nos 80 anovou a poesía galega tanto en temas, como estilo e forma

A Real Academia Galega dedicaralle a Xela Arias (Sarria, 1962 – Vigo, 2003) o Día das Letras Galegas de 2021. O pleno da institución acordou na sesión de onte homenaxear a quen foi unha das voces máis destacadas da poesía galega contemporánea. Xela Arias é autora dunha poesía singular, transgresora, sincera e comprometida que será celebrada ao longo dun 2021 durante o cal a RAG lembrará ademais o seu labor como editora e tradutora que verteu milleiros de páxinas de clásicos universais ao galego.

Por idade, formou parte dun grupo de poetas que recibirán a homenaxe da RAG a través dela: o dos mozos que renovaron a poesía a partir dos primeiros 80 en temas, estilo e forma. Pero a dela é unha voz singular e inclasificable, de tal maneira que —en palabras de Ana Romaní— o seu é un nome que se pronuncia sen xeración.

Concibía a poesía como un xeito de indagar e cuestionar a orde das cousas, de describir o que se aprende a ocultar.

A pescuda do eu fonda e reflexiva, a afirmación do corpo feminino, a perspectiva de xénero e a procura de novos espazos para a poesía mediante a recitación ou o diálogo coa fotografía, a música e a pintura, son algúns dos trazos a súa voz como creadora, que anticipou nos anos oitenta do século pasado temas e características formais da poesía galega da década seguinte.

Os primeiros versos que publicou viñeron a lume en revistas e xornais dende os primeiros. En 1986 foi finalista do premio Losada Diéguez co seu primeiro libro, Denuncia do equilibrio.

Cunha linguaxe rupturista, o poemario anticipa liñas da poesía dos 90 e expón unha imaxinaría construída a través da incerteza, coa violencia e a animalidade como eixes.

En 1990 saíu do prelo Tigres coma cabalos, volume no que os versos e a fotografía se fusionan a través de vinte e catro poemas acompañados doutras tantas imaxes, a maioría de corpos espidos, entre eles o da propia autora.

En Darío a diario (1996), dedicado ao seu fillo, abordou a maternidade dende unha ollada afastada do tradicional.

En 2003 chegou o seu derradeiro libro, Intempériome, un chanzo máis na súa exploración para converter a desobediencia e a transgresión en palabra poética.

Todos estes volumes, e mais sesenta e dous poemas en revistas e obras colectivas, foron recompilados en Xela Arias. Poesía reunida (1982-2004) (2018), edición a cargo da profesora e crítica literaria María Xesús Nogueira.

A elección de Xela Arias recoñece igualmente a dimensión pública e comprometida da vida e da obra da autora.

Prestou a súa voz en mobilizacións cívicas —coma as que se produciron tras a marea negra do Prestige— e tomou sempre posición a favor da lingua galega, non só como poeta. Como parte do equipo de Edicións Xerais, onde traballou dende 1980 a 1996, contribuíu ao proceso de fixación da norma do galego.

Fíxoo como correctora de estilo e editora, e ao iniciar os oitenta nun labor pioneiro no mundo da tradución, un eido poucas veces recoñecido, pero que en 2021 tamén será homenaxeado na súa figura.

Entre outro, verteu ao galego dende o inglés, o italiano, o portugués ou o castelán autores como Bram Stoker (Drácula), Roald Dahl (As bruxas), Angela Carter (Venus negra), Gianni Rodari (Contos ó teléfono), Carlos Oroza (Caballum) ou Jorge Amado (O Gato Gaiado e a Andoriña Señá: Unha Historia de Amor), e formou parte dos equipos que trouxeron á nosa lingua o Quixote de Cervantes ou Dublineses de James Joyce.

A súa tradución de Amor de Perdición (1986) de Camilo Castelo Branco foi merecente do Premio de Traduçao da Língua Portuguesa; o seu O derradeiro dos mohicanos (1993) de James Fenimore Cooper foi recoñecido co Ramón Cabanillas, e foi galardoada postumamente co de Tradución Plácido Castro (2004) por O Spleen de París de Charles Baudelaire.

Nos últimos anos , tras se licenciar en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa, foi docente en varios institutos da comunidade.

isabel boullón agrelo, académica de número

···No pleno tamén se elixiu académica de número a Ana Isabel Boullón Agrelo, que ocupará a cadeira vouga polo pasamento de Xosé Luís Franco Grande. A profesora do departamento de Filoloxía Galega da USC, adscrita ao Instituto da Lingua Galega, é unha investigadora de referencia no campo da antroponimia galega, unha das súas liñas de investigación principais xunto á toponimia, a edición de textos e a lexicografía. Ten publicado textos non literarios medievais e estudado a transmisión textual da Crónica de Iria; e ademais é coautora de diversos dicionarios, tanto de nomes persoais e de apelidos como de léxico común e especializado. En 2012 foi elixida académica correspondente e dende entón é membro do Seminario de Onomástica da RAG, aínda que a súa colaboración coa Academia se remonta aos anos 90.

23 dic 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito