Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A realidade do galego na escola co proxecto ‘Aquí medra a lingua’

O CCG propón un percorrido audiovisual por seis centros educativos de toda a comunidade

Aquí medra a lingua é o título da última aposta do Consello da Cultura Galega na que propón un percorrido audiovisual por seis centros de diferentes contextos da xeografía galega para dar a coñecer os proxectos dos seus Equipos de Dinamización Lingüística.

O resultado son seis pezas breves máis un documental no que participaron preto de cincuenta persoas entre alumnado, docentes, familia e comunidade.

O primeiro deses traballos presentouse este luns no IES Perdouro nunha xornada de convivencia na que participou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a directora do centro, María José Pardiñas; a xefa de normalización lingüística do IES, Natalia Irimia; a realizadora dos audiovisuais, Cristina de la Torre, xunto co alumnado.

Na sesión proxectouse o primeiro dos capítulos, O modelo Burela, que xa está dispoñible no web do CCG.

“O esforzo que facedes vós de vir ata aquí a presentar o proxecto é para nós un estímulo para seguir camiñando”, asegurou Natalia Irimia na xornada de presentación.

O modelo Burela é tamén dedicación, é esforzo, é compromiso”, asegurou Cristian Gómez, alumno que participou no proxecto e que asegurou que esta iniciativa lle fixo atopar a regueifa e dar un xiro de 180 graos á súa vida.

A presidenta da institución, Rosario Álvarez, destacou que “este proxecto amosa seis realidades educativas e lingüísticas moi diferentes, todas elas moi positivas e a base do compromiso, creatividade e vontade de sumar esforzos”. Engadiu que “no espello do modelo Burela pódense ver outros galegos, é imitable noutros lugares de Galicia, ao mellor non no conxunto, pero si en parte”.

O modelo Burela é o título do primeiro dos capítulos nos que está estruturado Aquí medra a lingua. Nel explícase un proxecto que arrincou no Instituto de Ensino Secundario de Burela en 2004, como unha intervención educativa destinada á transformación dos usos lingüísticos habituais tanto na comunidade escolar como no seu ambiente social máis inmediato.

Tivo un intenso traballo de campo que chegou a ter unha orientación máis ampla que trascendeu as paredes do centro, chegando a ter a responsabilidade de coordinar a redacción do modelo Burela de Planificación Lingüística.

A iniciativa acadou entre 2008 e 2011 o seu periodo de maior intensidade.

No documental tamén se fala dunha das súas iniciativas estrela, o programa de Radio Neo, resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do instituto.

“Co Proxecto Neo ensinamos lingua, literatura e cultura dun xeito moi práctico”, explica Bernardo Penabade, que con Miruca Parga son as cabezas visibles do proxecto, e referencia na dinamización lingüística escolar en Galicia.

21 mar 2022 / 17:20
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.