Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Residencia Literaria Cidade da Cultura, nova aposta desde a Xunta

Está deseñada para o apoio de escritores e escritoras emerxentes menores de 35 anos

Santiago. A Xunta de Galicia de lanza a Residencia Literaria Cidade da Cultura, un novo programa deseñado para o apoio e acompañamento de escritores emerxentes e inéditos, baseado no intercambio de experiencias e a posta en común de coñecementos. Vai especialmente concibido para os menores de 35 anos, pero aberto a aspirantes de todas as idades no que, baixo a dirección do escritor Javier Peña, terán a oportunidade de compartir impresións e aprendizaxes con grandes figuras do panorama literario actual, como Sara Mesa e Berta Dávila, que participarán nesta primeira edición.

Nace baixo a premisa de que unha das dificultades que enfrontan os escritores noveis é a soidade da creación, a falta de guía no proceso e a ausencia de valoración externa. Deste xeito, o programa quere facilitarlles aos seus participantes a disección do proxecto literario propio ao tempo que lles invita a aprender da análise dos traballos dos compañeiros tamén da análise de lecturas relacionadas coa súa escrita, de charlas con autores de primeiro nivel ou intercambios con outras disciplinas artísticas.

Non menos importante, a residencia axudará ao crecemento persoal compartindo tempo e espazo con persoas moi diferentes cunha paixón en común: a literatura.

Esta primeira edición (prazo de inscrición aberto ata o 16 de abril) vén de abrir un total de dez prazas, das que oito estarán reservadas a persoas de ata 35 anos e outras dúas non contarán con límite de idade. Poderán participar persoas nadas ou residentes en Galicia que queiran desenvolver ou mellorar un proxecto inédito de narrativa. Poderá tratarse de novelas de ficción, novelas de non ficción (autoficción) ou coleccións de relatos, ben completados e aínda non publicados, ou obras en diferentes estados de desenvolvemento.

As dez persoas seleccionadas participarán, de balde, nun programa intensivo de actividades que se desenvolverá na Cidade da Cultura entre o luns 5 de xullo e o venres 16 de xullo de 2021.

As persoas interesadas poden xa consultar as bases do programa en cidadedacultura.gal, de cara a preparar o seu dossier de participación, no que deberán anexar un informe sobre o proxecto que lles gustaría desenvolver ao longo da residencia. ECG

20 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.