Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Ribeira Sacra é un “exemplo excepcional da relación entre home e natureza” para Goy Diz

A catedrática de Historia da Arte centrouse nesta zona no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes

A catedrática de Historia da Arte Ana E. Goy Diz (Lugo, 1966) pronunciou este sábado o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes como académica numeraria da Sección de Expertos nas Artes, titulado Ribeira Sacra: a construción dunha paisaxe cultural. O acto, que se celebrou no salón de actos da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da Universidade de Santiago (USC), estivo presidido polo presidente da Ragba, Manuel Quintana Martelo, e o discurso foi contestado en nome da academia polo membro numerario da Sección de Arqueoloxía e Museoloxía, Antonio Rodríguez Colmenero.

“Esta academia sinte que a súa voz e o seu traballo serán de grande importancia no noso futuro académico”. Con estas palabras Quintana Martelo deu a benvida á nova académica, que xa fora elixida en 2015 académica correspondente polos seus méritos no desenvolvemento da súa actividade profesional.

O presidente destacou que son moitos e salientables os méritos que concorren na nova académica e que a fan, con rotundidade, “merecedora de pasar a formar parte do noso plenario, xa que a súa aportación e a súa xenerosidade co traballo serán de alta estima dentro das actividades académicas a prol da institución e cultura do noso país”.

No inicio da súa disertación, Ana Goy amosou o seu agradecemento á academia por apoiala e concederlle a “enorme honra” de unirse a esta prestixiosa institución.

En especial, deulle as grazas ao profesor Colmenero porque desde a súa chegada a Lugo hai máis de vinte anos estivo sempre ao seu lado “exercendo un maxisterio valiosísimo e demostrando unha gran xenerosidade intelectual e unha extraordinaria calidade humana”.

Agradeceu o apoio do decano da Facultade de Humanidades e os seus compañeiros, “centro do que sempre estiven orgullosa de pertencer e hoxe ese sentimento faise máis evidente”, asegurou.

Tamén quixo destacar o labor da Ragba nestes últimos anos para adaptarse aos tempos e apostar de forma decidida pola incorporación da muller á institución, dando entrada por primeira vez en 2021 a tres mulleres entre os seis académicos electos, “fito histórico que defende a paridade na vida pública por primeira vez na súa historia”.

Desde a fundación desta academia fai 173 anos, Goy Diz sinalou que tan só dez mulleres a precederon como académicas de número, fronte aos 178 homes académicos, supoñendo soamente un 5,3% do total de membros. “Non é unha loita de xénero, senón unha procura da igualdade e do papel da muller na sociedade”, engadiu.

Enumerou ás mulleres que abriron este camiño de reivindicación pola igualdade e a súa participación nos diferentes órganos colexiais.

Indicou que a aposta da Ragba pola defensa da igualdade axudará a pechar o ano cun 43 % de mulleres nos cargos da xunta directiva e unha representación no plenario da Ragba do 22,2 %.

Ademais, compartiu co público a súa relación con Lugo, cidade na que naceu pero coa que mantivo unha relación superficial ata que en 1999 obtivo a praza de profesora e asumiu o compromiso de contribuír activamente na formación de novos profesionais en Humanidades e Ciencias da Cultura, e a colaborar coas principais institucións da cidade para investigar, difundir, e dinamizar o patrimonio cultural da cidade.

“O compromiso co patrimonio cultural desta cidade-xacemento levou á creación do Centro de Estudo de Historia da Cidade, un centro de investigación da USC que fundou o profesor Rodríguez Colmenero e que dirixiu ata a súa xubilación, momento no que me pasou o relevo”, resumiu.

Centrada no tema da paisaxe cultural da Ribeira Sacra, analizou a dimensión patrimonial deste ben singular.

Sinalou que é unha paisaxe cultural viva que evolucionou organicamente ata constituír un exemplo excepcional da relación entre o home e a natureza vinculado ao modo de vida tradicional, “un territorio de vertixinosas pendentes, que se localiza na Galicia interior en torno aos vales encaixados dos ríos Miño e Sil, definindo o encontro das provincias de Lugo e Ourense, ameazado polo envellecemento e despoboamento”.

“Resumir máis de 1500 anos de historia resulta tarefa complexa, pero ao menos intentei trazar aquelas liñas que deixaron unha pegada máis profunda na paisaxe”

O acto contou coa asistencia doutros académicos e autoridades, como a directora Xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua; a vicepresidenta 1ª do Parlamento de Galicia, Elena Candia; a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Tareixa Ferreiro; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o bispo de Lugo, monseñor Alfonso Carrasco; o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco José Fraga; a xerente da Rede Museística de Lugo, Encarna Lago; a directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro, e o presidente da Academia de Enfermería de Galicia, Isidoro Rodríguez, entre outros.

28 may 2022 / 16:19
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.