Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Semana Santa de Ferrol recupera a súa actividade nas rúas

Renova a Xunta a colaboración coas confrarías desta Festa de Interese Turístico Internacional

Ante a próxima celebración da Semana Santa, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asinou este xoves con representantes das confrarías e irmandades de Ferrol un convenio de colaboración polo que o Goberno galego, a través da Axencia Turismo de Galicia, aporta 40.000 euros á celebración da súa Semana Santa, declarada Festa de Interese Turístico Internacional e que agora retoma a súa plena actividade trala pandemia.

Alfonso Rueda, xunto á delegada territorial da Xunta en Ferrol, Marina Aneiros, felicitou aos representantes das confrarías ferrolás pola programación preparada para este ano que, ao seu entender, axuda a poñer en valor un evento “clave na oferta diferenciada do turismo galego”.

O vicepresidente primeiro recordou que esa distinción, xunto coa calidade e a seguridade que aporta Galicia como destino seguro, foron fundamentais para que Galicia liderara o pasado verán a recuperación turística en España.

Neste sentido, cabe destacar que a Xunta vén colaborando tradicionalmente neste evento, que congrega en Ferrol a tres mil penitentes nos días centrais da Semana Santa, como o demostra o feito de que, desde o exercicio do 2013, o Goberno autonómico, a través da Axencia Turismo de Galicia, destinara algo máis de 314.000 euros á súa celebración.

Alfonso Rueda quixo aproveitar o apoio por parte da Xunta ás confrarías e irmandades que organizan a Semana Santa de Ferrol para ratificar o compromiso do Executivo galego coa cidade e coa súa comarca, como o demostra o feito de que se acordara abrir en Ferrol unha delegación territorial.

En canto ás potencialidades turísticas de Ferrol e a súa contorna, o vicepresidente da Xunta chamou a atención sobre a demanda crecente do Camiño Inglés, que ten un dos seus puntos de partida en Ferrol, e que este ano leva contabilizados xa medio cento de peregrinos que obtiveron a Compostela.

Precisamente para reforzar ese itinerario, a Xunta está a finalizar os trámites para a adxudicación nos vindeiros días da obra de acondicionamento da Casa do Mar de Ferrol como albergue de peregrinos, unha actuación na que o Goberno galego inviste 467.000 euros e que incrementará os atractivos do Camiño Inglés coincidindo coa celebración do Xacobeo.

Alfonso Rueda confiou en que as mesmas fortalezas que fixeron de Galicia un referente turístico no 2021 consigan que, neste 2022 e da man do Xacobeo, Galicia sexa “un destino seguro” e “un refuxio para turistas e peregrinos”, nun momento no que a inseguridade económica e as consecuencias do conflito bélico de Ucraína incrementan as incertezas sobre a recuperación e o futuro do sector.

“Cremos que imos superar tamén este reto e que Galicia seguirá sendo un destino de moda”, considerou.

26 mar 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.