A Televisión de Galicia retransmitirá esta noite os Fogos do Apóstolo
En directo, presentado desde o Obradoiro por Loly Gómez e máis Eduardo Herrero
Santiago. A Televisión de Galicia (TVG) retransmitirá esta noite os Fogos do Apóstolo nun programa en directo presentado desde a praza do Obradoiro por Loly Gómez e Eduardo Herrero. Os medios públicos abrirán as portas deste grande espectáculo a toda Galicia, nunha retransmisión moi especial en que a noite se fará día no ceo de Santiago e que poderán seguir tamén a través da web crtvg.gal.
Con motivo da situación sanitaria, os fogos manteranse na liña do pasado ano, con pequenas tiradas simultáneas desde cinco puntos da cidade: o parque Eugenio Granell, o parque Carlomagno, a carballeira de Santa Susana, o Monte Gaiás e As Cancelas. Ademais do punto principal instalado no Obradoiro, onde se vivirá a expectación previa na voz en primeira persoa de peregrinos e composteláns, o programa desprazarase en directo a varios lugares estratéxicos da cidade para ofrecer unhas vistas espectaculares do espectáculo pirotécnico e tentear o ambiente.
Neste ano tan especial, marcado polo Xacobeo, ofreceranse comentarios divulgativos arredor da figura do Apóstolo de Santiago, o Mestre Mateo ou a actualidade histórica dos xacobeos, da man de Fernando Madriñán, experto na historia de Santiago. A música terá un papel principal no programa, cunha coidada selección de pezas moi representativas da cultura musical galega, en versións feitas con piano, contrabaixo e batería nun ton íntimo e jazzístico, que serán interpretadas por Paco Lodeiro e un espectacular elenco dos mellores cantantes da verbena galega, nunha noite cargada de emocións e sorpresas.
E tamñen na TVG, o programa especial Descubrindo a Ribeira Sacra fará este sábado pola tarde unha viaxe pola zona onde máis medrou a demanda turística nos últimos anos. A través de múltiples experiencias, afondará na vida que se desenvolve ao longo das catro estacións do ano nesta paraxe natural. ecg