Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A USC busca colaborar en liñas de investigación co Campus Industrial de Ferrol

Durante esta semana mantiveron unha xuntanza para poder explorar o traballo conxunto na sede universitaria de Lugo

O Campus Terra da USC e o Campus Industrial de Ferrol, dependente da USC, exploran sinerxías para avanzar no densenvolvemento de futuras liñas de colaboración, tal e como se puxo de manifesto na xuntanza de traballo que mantiveron esta semana na sede universitaria luguesa a vicerreitora do Campus de Ferrol da UDC, María Jesús Movilla, e a directora do campus de especialización localizado na cidade departamental, Ana Isabel Ares, coa delegada do reitor da USC para o Campus Terra, Elvira López Mosquera.

A reunión entre responsables dos dous campus de especialización do Sistema Universitario Galego (SUG) acreditados pola Xunta de Galicia permitiu sentar as bases para o establecemento de futuras liñas de colaboración, segundo indicou a profesora Elvira López Mosquera, quen tamén indicou que esta primeira visita permitiu ás integrantes da delegación da UDC acadar un coñecemento máis polo miúdo das fortalezas que presenta o Campus Terra, ademais de advertir diversas sinerxías que abren portas a novas colaboracións.

O intercambio de información respecto da estrutura de gobernanza e dos mecanismos de xestión interna de cada un dos dous campus de especialización acreditados no SUG serviu para abrir esta primeira reunión entre as responsables do Campus Industrial de Ferrol e do Campus Terra, un encontro que, segundo subliñou López Mosquera, permitiu tamén tratar o impacto real nas súas respectivas contornas que están a ter os dous campus de especialización do SUG.

Alén de avanzar na definición dos parámetros e indicadores apropiados para estimar con precisión o grao de transferencia e o impacto socieconómico que deparan nas súas contornas o Campus Industrial e o Campus Terra, esta primeira reunión permitiu visibilizar afinidades en diversos ámbitos temáticos, tal e como son as áreas de robótica e automatismos industriais e en mecanización, o emprego e aproveitamento da madeira na construción ou mesmo no desenvolvemento de distintos envases de alimentos que respeten as características dos mesmos.

Os ámbitos de colaboración inicialmente advertidos entre as responsables da USC e da UDC participantes neste primeiro encontro institucional dos campus de especialización do SUG responden tamén á existencia de nichos ou espazos comúns que presentan algunhas das titulacións de grao e mestrado impartidas pola USC e pola UDC nas súas respectivas sedes de Lugo e Ferrol, sinalou López Mosquera.

Actuacións. Á espera de poder definir actuacións conxuntas ao longo dos próximos meses, cando está previsto que unha delegación do Campus Terra visite a sede universitaria ferrolá, a profesora Elvira López Mosquera, comentou que as responsables da UDC puxeron en valor as múltiples potencialidades que ofrece o Campus de Lugo, e nomeadamente, as distintas plataformas tecnolóxicas visitadas.

A robótica depara moitas e diversas liñas de cooperación entre o Campus Terra e o Campus Industrial de Ferrol, que inclúe na súa oferta de titulacións enxeñerías especializadas en ámbitos como o naval, mecanización, informática..., nos que o desenvolvemento e a implementación de automatismos son unha constante, sinalou o coordinador do grao en Robótica da USC, Roberto Iglesias.

A directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, Rosa Romero, tamén acompañou ás responsables da UDC ata as instalacións da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural, cuxo coordinador, o catedrático Manuel Guaita, debullou os ambiciosos proxectos de I+D que se están a desenvolver desta plataforma a prol da posta en valor dos recursos madeireiros galegos en aras a un maior desenvolvemento sustentable. O traballo de Pemade espertou un interese directo na vicerreitora do Campus de Ferrol da UDC, quen aproveitou esta primeira visita para manifestar a súa intención de construir un edificio de madeira na sede universitaria ferrolá, un proxecto para o que xa solicitou a colaboración de Pemade.

19 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito