Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A USC lembra a Xela Arias: “Unha muller transgresora, comprometida e insubmisa”

É un tributo a unha poeta contemporánea que fixo literatura coincidindo cos nosos tempos, salientou o reitor compostelá

“Son conscientísima de que o utilizar unha lingua minoritaria cérrame portas e de que iso non me fará cambiar de idioma”. Coa lectura destas verbas escritas por Xela Arias en 1988 deu comezo o relatorio co que a profesora Chus Nogueira repasou onte a traxectoria da autora homenaxeada co gallo do Día das Letras Galegas 2021.

O Salón Nobre do Colexio de Fonseca foi o lugar no que a Universidade de Santiago (USC) rendeu tributo a esta “muller transgresora e comprometida, insubmisa e desconforme, radicalmente independente e sobre todo esmagadoramente honesta”, en palabras do director do Departamento de Filoloxía Galega, Francisco Cidrás, quen interveu no acto para presentar o libro Xela Arias.

A literatura e a vida, por elección, editado polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade e co que a USC afonda na figura de Xela Arias.

Nesta liña, o reitor Antonio López salientou que esta é a achega da Universidade xa que a “A USC non podía faltar ao seu compromiso co Día das Letras Galegas”.

Antonio López subliñou que este ano réndeselle tributo a unha “poeta contemporánea” que fixo literatura “coincidindo cos nosos tempos”, mentres que habitualmente son homenaxeados autores e autoras que desenvolveron a súa traxectoria con moita anterioridade.

“Isto presenta consecuencias importantes”, sinalou o reitor, xa que Xela Arias asumiu principios e valores que están de actualidade como son “a liberdade, a independencia, o feminismo e o galeguismo”. “Oxalá isto nos permita dar un paso máis para manter vivo o facho da lingua, especialmente, nas xeracións máis novas”, apuntou Antonio López. Tamén estiveron presentes no acto Darío Xil Arias, fillo da poeta, así como a nai e o irmán de Xela Arias.

A profesora Nogueira trazou un percorrido pola obra literaria, así como polas facetas de editora, docente ou tradutora, a través de diferentes fragmentos escritos pola propia autora galega lembrada neste acto de tributo.

“Escribo por motivacións diversas, para entenderme e facerme entender, para comprender o mundo no que vivo. É un problema de palabras, e quizais nelas está a clave da cuestión, das preguntas e das respostas”, reflexionaba a autora no ano 1988. Chus Nogueira puxo o foco na “vocación experimentadora coa linguaxe, libre nos seus usos gramaticais, estraña e inquietantemente fermosa” que a escritora evidenciou dende os seus versos máis temperás, así como no seu primeiro libro de poemas Denuncia do equilibrio. Esta obra publicada en 1986 “exhibe tamén o discurso rupturista da escritora” e alberga “a representación dunha escenografía urbana, infrecuente até o momento na tradición poética galega”. Tigres coma cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003) foron outras das obras nas que se detivo Chus Nogueira.

No departamento de Filoloxía Galega apoian a celebración cun libro especial

Santiago. O Departamento de Filoloxía Galega sumouse á celebración do Día das Letras Galegas, como todos os anos, cun libro no que, tamén baixo a dirección e o coidado da profesora Chus Nogueira, reuniuse unha serie de estudos, textos e materiais que ilustran distintas facetas da vida e da obra da autora homenaxeada. “Xela Arias está recoñecida como unha excelente poeta pero, transcendendo ese ámbito, a súa figura toca moitas outras facetas relevantes na normalización do sistema cultural galego, e mesmo dentro dese ámbito da poesía, a súa obra está sempre atravesada por un impulso de romper os moldes do xénero e apostar polo diálogo interartístico”, sinalou o profesor Francisco Cidrás na presentación da obra. “A denuncia dos falsos equilibrios que a orde establecida pretende facernos ver como produto da natureza das cousas, cando son máis que o resultado dunha acción política”. ecg

26 may 2021 / 19:11
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.