Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A USC recoñece o vencello indestrutible co idioma do galeguista Florencio Delgado

Presentado o volume co que a Universidade de Santiago rende tributo ao escritor homenaxeado neste Día das Letras Galegas

“Un acto de xustiza e unha decisión necesaria”, así definiu Francisco Cidrás, director do departamento de Filoloxía Galega, o acto institucional co que a USC gabou este venres a figura do escritor Florencio Delgado Gurriarán ao que se lle dedica, neste 2022, o Día das Letras Galegas.

O acto presidido polo reitor, Antonio López, contou coa presenza da secretaria xeral da USC, Dulce García Mella. “Galicia ten unha débeda con esta xeración”, dixo Antonio López ao referirse á vida “fendida pola guerra” do autor de Galicia Infinda e do que destacou a súa condición de xurista, así como a súa “sensibilidade e compromiso”, segundo informa a USC.

Logo da introdución realizada polo propio profesor Cidrás, procedeuse á presentación da obra Florencio Delgado Gurriarán. O soño dunha Galicia Infinda cuxa edición correu a cargo da profesora Dolores Vilavedra, quen subliñou “o vencello indestrutible co idioma” do homenaxeado. Nesta mesma liña, pronunciouse o profesor Xesús Alonso Montero ao destacar a condición de “poeta monolingüe” deste autor que, malia nacer en Córgomo en 1903, pasou sete décadas da súa vida no exilio, fiel á lingua que falaba a súa familia.

O acto contou tamén con diversas interpretacións musicais a cargo de Samuel Diz.

Cidrás lembrou como o Día das Letras Galegas ten visitado o exilio bonaerense, “mais é a primeira vez que se achega ao exilio mexicano, á periferia do desterro galaico-americano”. Destacou como “en tempos nos que se fala (non tanto como se debería) de recuperación da Memoria Democrática, é tempo tamén de remover a terra das nosas letras, de exhumar no faiado da nosa desmemoria, na fosa común dos nosos esquecidos”.

Carencia que, en parte, palía a obra editada polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC e que constitúe o número 53 desta colección dedicada ás figuras homenaxeadas no Día das Letras Galegas.

Así, na presentación a profesora Vilavedra lembrou como Florencio Delgado Gurriarán chegou a México o 7 de xullo de 1939, na compaña doutros case mil refuxiados que “fuxían da represión e procuraban, simplemente, a posibilidade dunha vida.

México foi xa por sempre, para Florencio, o país no que se materializou esa posibilidade”. Cando a Real Academia Galega decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas, “fíxoo consciente de que se trataba dunha figura poliédrica, cunha non moi extensa obra literaria mais que representa coma poucas un perfil vital e intelectual esgazado polas consecuencia do levantamento fascista de 1936”, engadiu a profesora da USC.

Da análise desta traxectoria vital fendida polo exilio, encárgase o profesor Xesús Alonso Montero no capítulo titulado Un achegamento á singular biografía lingüística de Florencio Delgado Gurriarán, título tamén do relatorio pronunciado este venres no Colexio de Fonseca. Alonso Montero afonda nos referentes inspiradores do autor, entre eles, Curros Enríquez, e reflexiona sobre a súa condición de “militante da causa da galeguidade”. Ademais, noutro capítulo da obra, o propio Alonso Montero, aborda un artigo inédito deste autor que data de 1976.

O libro consta tamén dun apartado específico con diversos estudos que profundan na figura do poeta dende diversas perspectivas.

Infancia
Primavera das Letras

···A RAG está a producir a serie de micropezas audiovisuais ‘Polos vieiros de Florencio’, que reúne voces de distintos ámbitos para ofrecer diversas olladas á figura do autor e á súa obra; difunde a través das redes sociais contidos como ‘Palabras de Florencio’, onde une a divulgación da poesía do homenaxeado coa difusión do léxico galego; e, xa para o público máis novo, está a convocar a comunidade escolar arredor de Primavera das Letras (primaveradasletras.gal), unha páxina web na que se pode descargar a biografía de Florencio dirixida ao público infantil que asina Ledicia Costas e ilustra Blanca Millán.

Simposio
Expertos

···A RAG publicará unha edición galega, ao coidado e anotada por Ricardo Gurriarán, da entrevista de Dolores Pla a Florencio Delgado Gurriarán, unha longa conversa mantida na cidade mexicana de Guadalajara no ano 1979 e conservada polo Instituto Nacional de Antropoloxía e Historia de México no marco do proxecto de historia oral dos refuxiados españois. O historiador, biógrafo e sobriño do homenaxeado, tamén se fará cargo dun volume que recollerá a correspondencia con persoeiros da cultura galega. No outono, reunirá voces especialistas no simposio dedicado ao protagonista do Día das Letras.

A RAG celebrará coa veciñanza de Córgomo o compromiso do poeta
Viaxarán para o pleno extraordinario do 17 dende América tres fillas e netos do autor

Santiago. O seu compromiso coa democracia custoulle o exilio. Na poesía tamén deixou constancia da súa loita antifranquista e satirizou sobre os prexuízos lingüísticos cando ninguén máis o facía. Pero Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987), malia o que lle tocou vivir, foi sempre un home vital, como proban esoutros poemas seus nos que canta ao viño, á sensualidade e á alegría de vivir, en Galicia e no país que o acolleu, México.

E ese espírito marcará o Día das Letras Galegas que a RAG lle dedica este ano. A cita central será en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras, Ourense), a súa vila natal, que será escenario do pleno extraordinario da institución, aberto ao público.

Posteriormente, académicos e corgomeses compartirán polas rúas da aldea unha Florenciada, un encontro que será, como a el lle gustaría, unha auténtica celebración en comunidade. Para a ocasión viaxarán dende América as súas fillas Celia, Carmiña e Maruxa, e os seus netos.

A sesión plenaria comezará ás 12.30 horas na Aira dos Bolos de Córgomo e poderá seguirse en directo dende academia.gal e a canle de Youtube da RAG.

A capital das Letras 2022 prepárase dende hai tempo para a gran festa do 17 cunha serie de actividades que se intensifican nas vésperas. Un serán poético, rutas por Córgomo para o alumnado, concertos e contacontos son algunhas das actividades interxeracionais anunciadas. ecg

13 may 2022 / 17:28
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.