Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A verdade triunfa no país dos mentiráns de Gianni Rodari

Con motivo do cen aniversario do nacemento de Gianni Rodari a editorial Kalandraka publicou en 2020, na colección Seteleguas, para lectorado xa avezado na lectura, diferentes títulos do autor italiano, tal é o caso de Era dúas veces o barón Lamberto e Gelsomino no país dos mentiráns, ambos os dous traducidos por Isabel Soto.

Este último texto, ilustrado por Pablo Otero, é, sen dúbida, unha nova e boa mostra da inventiva do italiano. Como o título anticipa, Gelsomino, un mozo cuxa potente voz lle trae máis dunha complicación, é o protagonista desta historia xunto cos habitantes do país dos mentiráns, o lugar ao que chega e onde dicir a verdade é penado co manicomio, sendo a mentira a única salvación.

Máis de vinte capítulos, encabezados por títulos rimados, dos que é un bo exemplo o primeiro, “Gelsomino, nos tempos de escolante, marca gol e comeza o importante”, anticipan as diferentes aventuras nas que o absurdo, o humor e a imaxinación están moi presentes.

Trátase dunha historia na que a realidade e a fantasía se mesturan e na que o límite entre unha e outra xa non é claro. Unha narración na que a voz que a guía se dirixe ao lectorado en diferentes ocasións para darlle indicacións sobre acontecementos xa pasados en capítulos anteriores ou que van acontecer e repleta de curiosos personaxes, como o protagonista, que se coarta de falar e cantar, porque sabe que a súa voz pode provocar grandes desastres; Trespés, un gato debuxado coa eiva que o seu nome anticipa; Benvido Sempre Erguido, trapeiro que non debería sentar, pois ese feito provoca que avellente rapidamente, ou Plataniño, un pintor cuxas obras realistas cobran vida.

En definitiva, unha lectura, agora dispoñible en galego, grazas á cal se pode aprender léxico patrimonial ao tempo que gozar duns divertidos momentos de lecer.

marta.neira@usc.es

21 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.