Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A viaxe dos inzos: a promesa incesante da vida a medrar

Moitas veces tense a idea errada de que as ciencias que algún chaman exactas, mesmo as ciencias da Natureza, están viradas de costas ao puramente creativo ou artístico e que as Humanidades, en xeral, e a escrita literaria, en particular, son mundos que ren teñen que ver con elas. Nada máis lonxe da realidade. Todo está interrelacionado e retroaliméntase nun contínuum que explica a abraiante complexidade e marabilla do universo.

Vén isto a conto a propósito da aparición de Sementes viaxeiras (2019), o poemario que Yolanda Castaño publica na colección Fardel dos Soños de Edicións Embora con coidadas e suxestivas ilustracións de Xosé Tomás.

Sementes viaxeiras presenta de modo sinxelo e atractivo para a rapazada a fascinante aventura das sementes ou inzos na súa procura por atopar un acubillo no que xermolar. Resulta extraordinario comprobar as moi variadas posibilidades que unha pequena semente atopa para se desprazar e fecundar un novo espazo.

Con cuartetos perfectamente medidos e de innegable musicalidade, Castaño vai repasando todo este amplo abano de posibilidades, que van dende as sementes que apenas se caen a un pequeno paso de distancia para dar lugar a unha nova planta ata as que viaxan en longas travesías agochadas nas bodegas dos barcos ou noutros insólitos lugares, pasando polas que se axudan do bicherío para ser carrexadas, das correntes de auga ou do forte soprar do vento.

Porque, como versifica Castaño: “Por terra, mar e aire as sementiñas viaxeiras/ lánzanse na procura de novos horizontes./ Buscan un fogar por entre as fragas e os montes,/ búscano avanzando ben dispostas e lixeiras”. Así o fai o inzo do piñeiro, que prefire unha viaxe aérea; ou a cebada, que se inclina por agarrarse ao lombo dos animaliños; as cereixas, con pebidas que imban os paxariños e logo fican noutro lugar a través das súas deposicións; as landras, que carretan de aquí a acolá os ledos esquíos; en fin, velaí a abelá, que se deixa caer á beira dos ríos para que as augas a transporten a novos fogares.

Por todo o dito coido que este álbum Sementes viaxeiras de Yolanda Castaño -magnífica poeta e autora con outros ben valiosos títulos infantoxuvenís no seu haber- ha resultar non só unha peza literaria de moi agradecida lectura para todas as persoas que a ela se acheguen, senón tamén unha regalía para a vista mercé aos delicados e coloristas debuxos de Xosé Tomás.

A semente. A viaxe. A promesa incesante da vida a medrar.

armandorequeixo@hotmail.com

06 jul 2020 / 19:33
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito