Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A VIII Edición de Escenas do Cambio presentará catorce pezas de vangarda no Gaiás

Oito das obras que se amosarán son inéditas// O festival de teatro, danza e arte en acción terá lugar entre do 5 ó 8 de maio

A oitava edición de Escenas do cambio -o festival de teatro, danza e arte en acción organizado pola Xunta a través da Cidade da Cultura-, presentará este ano na comunidade un total de 14 pezas que transitan a vangarda do teatro, a música, a danza, as artes visuais e a performance.

Unha edición que concentra en catro días, do 5 ao 8 de maio, unha programación que aposta forte pola creación, con oito obras orixinais que se poderán ver por primeira vez no festival.

Entre as estreas, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, salientou as cinco novas propostas de artistas e compañías galegas con apoio da Xunta para o seu desenvolvemento: Hoax Hamlet, de Voadora, a peza colectiva Escenas (Con)Textualizadas construída coas voces das artistas, actrices e dramaturgas Helena Varela, Helen Bertels, Ana Vallés, Ana Abad de Larriva e Gena Baamonde, e as tres obras froito das residencias artísticas realizadas no Gaiás por Mateo Feijóo, Mercé de Rande e Ramón Souto.

Deste xeito, contribúe a consolidar o Gaiás como un piar para a creación contemporánea, en liña cos obxectivos do segundo Plan Estratéxico da Cidade da Cultura.

Anxo Lorenzo estivo acompañado na presentación do programa pola directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; pola directora artística de Escenas do cambio, Lola Correa, e por Helen Bertels, Hugo Torres -director de Hoax Hamlet- e Mateo Feijóo, en representación dos artistas participantes, así como lo director da Agadic, Jacobo Sutil.

Lola Correa avanzou as principais novidades dunha escolma que explora novos lugares e formatos. Haberá escenarios non convencionais, como a galería de servizos do Gaiás, onde Teatro La Usina representará Waterclose, revisión e actualización do primeiro espectáculo da compañía -Women Closed-, no 20 aniversario da súa estrea, ou tamén os espazos de tránsito e traballo no interior do museo sobre os que se construirá o percorrido de Escenas (Con)Textualizadas.

Por outro lado, NIHIL, do músico e compositor galego Ramón Souto, propón aos espectadores participar nun concerto na rompente do día desde a cima do Gaiás, e Mateo Feijóo, con Sons do esquecemento ou A navalla do tempo, convídaos a transitar pola memoria, os sons e as imaxes dun pobo do rural galego que representa todo un legado de valores e saberes en perigo de extinción.

Novas experiencias para a audiencia que se completan coa performance MU-Danza, unha muller que camiña, de Mercé de Rande; o ensaio-monólogo mestura de teatro e maxia do galego Miguel Ponce de León en Veneficio (de lo cotidiano o cómo remediarlo), e a Hammamturgia de Societat Doctor Alonso, unha obra coreográfica que se constrúe a partir da transformación constante do espazo, do ambiente e do tempo.

No apartado internacional, contará con dous referentes da danza contemporánea chegados de Francia e Portugal. A compañía Man Drake, fundada por Tomeo Vergés, porá en escena dous solos -Que dun bonheur (?) e Moi, Antonio M.- que exploran e cuestionan os contornos do masculino e do feminino.

A bailarina e coreógrafa portuguesa Tânia Carvalho constrúe en Grasped by intuition unha peza na que o corpo flúe entre o figurativo e a abstracción lírica.

Homenaxe
Tributo
a María Casares

···Escenas do cambio comezará este ano cun recoñecemento especial a María Casares, figura imprescindible do teatro do século XX, da que ademais este 2022 se conmemora o centenario do seu nacemento cunha ampla programación impulsada pola Xunta. A xornada inaugural do festival estará dedicada á actriz galega, coa apertura da mostra ‘María Casares-Pedro Soler. Colliure 1989’, que exhibirá no Museo Centro Gaiás obxectos e pezas inéditas dunha das últimas xiras da actriz por territorio francés, na que a galega estivo acompañada polo guitarrista de flamenco Pedro Soler.

Colaboración
galega, francesa e portuguesa

···Ao igual que en todas as súas edicións anteriores, Escenas do cambio 2022 conta nesta ocasión con diferentes entidades colaboradoras da comunidade galega como é o Concello de Santiago, a Universidade de Santiago de Compostela, a librería Follas Novas e o Concello de Fisterra, dentro da liña de estender a súa programación máis aló da Cidade da Cultura. Ademais, de fóra de Galicia colaboran tamén con este certame o Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música de España, o francés Institut Français e o portugués Instituto Camões.

A Cidade da Cultura transfórmase en lugar inspirador para a creatividade
Exhibiranse dúas propostas creadas de maneira específica para este espazo

Santiago. A Cidade da Cultura transfórmase con Escenas do cambio non só no escenario idóneo para a representación das últimas tendencias nas artes escénicas, senón tamén en lugar de inspiración, recollemento e investigación para novas propostas de vangarda cultural.

Así, canda as pezas galegas que terán a súa estrea no marco deste festival, o público poderá gozar tamén de dúas obras creadas de maneira específica para a súa representación no Gaiás.

Trátase de OUTsideINsideOUTside, última creación nas fronteiras do teatro e a danza que dirixe a afamada actriz e dramaturga española Sara Molina, e a performance (Raíz de dos), coa que os artistas Nieves Correa e Abel Loureda percorrerán diferentes espazos da Cidade da Cultura no marco deste destacado certame artístico.

Ademais, Marc Caellas e Esteban Feune de Colombi convidarán ao público a compartir unha viaxe moi especial desde a Cidade da Cultura ata Fisterra, froito tamén do seu inspirador paso pola anterior edición do festival.

¿Qué es el agua? é título desta nova proposta de teatro itinerante coa que concorrerá Compañía La Soledad, entidade fundada por ambos artistas no ano 2011.

A información da programación está na web da Cidade da Cultura e en www.escenasdocambio.org&mdash. As entradas para cada espectáculo poden adquirirse xa no Museo Centro Gaiás e en Ataquilla.com. redacción

20 abr 2022 / 17:44
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.