Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Xunta reforzará un 23,5 % o investimento en patrimonio cultural no novo ano Xacobeo

Executarán varias accións previstas no Plan Catedrais, no Plan BIC dos Camiños de Santiago e máis na Ribeira Sacra

O onselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou este martes o avance das obras de rehabilitación que o seu departamento está a acometer no Colexio de Nosa Señora da Antiga (tamén coñecido como Colexio do Cardeal), en Monforte de Lemos, onde lembrou que a Xunta de Galicia vai reforzar en 2022, con ocasión do segundo ano Xacobeo, o investimento en patrimonio cultural.

En concreto, os orzamentos do Goberno galego contemplan un incremento do 23,5% nestas partidas, a través do que se executarán varias das accións previstas no novo Plan Catedrais, no Plan BIC dos Camiños de Santiago e na Ribeira Sacra.

Así mesmo, lanzarase un plan de apoio para que os particulares poidan emprender a rehabilitación de bens etnográficos e duplicaranse as axudas en xacementos arqueolóxicos.

Tal e como sinalou o conselleiro, a consignación de fondos do próximo ano vén confirmar o compromiso do Goberno galego coa recuperación dos bens patrimoniais máis senlleiros de Galicia. Non en balde, desde 2015 a Xunta realizou en máis de 750 actuacións de conservación en preto de 170 concellos de toda Galicia. No referido a Nosa Señora da Antiga, o conselleiro destacou un investimento de máis de medio millón de euros por parte da Xunta de Galicia para a recuperación do esplendor artístico deste conxunto na capital da Ribeira Sacra.

O mesmo Rodríguez comprobou o avance dos traballos de restauración dos retablos de Nosa Señora das Escolas Pías e San Xosé de Calasanz e explicou que está prevista tamén a dos de Santo Cristo, San Xosé, Virxe das Dores, Virxe de Fátima, Santo Antón e a Adoración dos Reis, xunto co púlpito e o tornavoz.

Ata o momento os lotes correspondentes a estes últimos retablos quedaron desertos, pero a Consellería está xa a traballar para volvelos sacar a licitación no primeiro trimestre de 2022. En total o importe da licitación ascende a preto de 90.000 euros.

Os traballos previstos incluirán tamén a limpeza, eliminación de elementos alleos, desinsectación, consolidación da madeira ou a reintegración cromática e de volumes, entre outros.

28 dic 2021 / 19:22
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.