Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Abre ao público a mostra homenaxe a Lolita Díaz Baliño

A Biblioteca da Cidade da Cultura acolle máis de 60 pezas que repasan a vida e obra da artista

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitaron onte a exposición Lolita Díaz Baliño, a discreción imposta dunha grande artista, coa que a Xunta de Galicia homenaxea este ano á que foi a primeira muller en integrarse na Real Academia Galega de Belas Artes.

A mostra –concibida no marco do Día da Ilustración do pasado 30 de xaneiro– retoma así a súa versión presencial despois de ter sido aprazada por mor da situación sanitaria das últimas semanas, aínda que estivo dispoñible de xeito online.

Como explicou Anxo M. Lorenzo, trátase dunha mostra imprescindible para coñecer o legado profesional e vital da fotógrafa, pintora, profesora e ilustradora Lolita Díaz Baliño, “unha figura clave para o pasado e futuro da ilustración e das artes galegas”, indicou. O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade animou a achegarse ata a Cidade da Cultura en Santiago para seguir gozando da cultura dun xeito seguro con propostas como esta na que se poden ver ata 60 pezas documentais, tanto orixinais como facsímiles, que retratan a vida e obra da ilustradora coruñesa, falecida no ano 1963.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, pola súa banda, ademais de poñer en valor o traballo que desenvolveu Lolita Díaz Baliño, lembrou que a Xunta ten en marcha o proxecto Aprende coas mulleres galegas, co que se está a achegar información e actividades para dar a coñecer e afondar na vida de mulleres destacadas da comunidade galega en diferentes ámbitos.

Nesta iniciativa, que se pode consultar na páxina web da Consellería de Emprego e Igualdade, https://empregoeigualdade.xunta.gal, inclúese unha ficha informativa sobre o labor de Díaz Baliño.

A exposición inclúe un espazo dedicado á familia de Lolita, unha verdadeira saga de artistas de Galicia, e unha zona na que se fai referencia á figura persoal e á traxectoria profesional e vital.

Tamén se recollen os estudos e traballos sobre a obra desta artista e se fai un repaso da súa obra como ilustradora. Poderanse ver os seus traballos en publicacións como Galicia, Céltiga ou Mariñana. Os fondos que se expoñen son documentos orixinais e copias da colección de fondos propios da Biblioteca de Galicia

03 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.