Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Acaparou os María Casares o espectáculo ‘Bernarda’

A tradicional gala do teatro foi suspendida e substituída por unha entrega virtual // Dez obras recibiron algún dos galardóns

Os XXIV Premios de Teatro María Casares xa teñen gañadores. Un total de 16 espectáculos aspiraban este ano a facerse con algún dos catorce galardóns nos que se dividen os María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e a Fundación AISGE.

Neste 2020, no que a tradicional gala foi suspendida por mor da pandemia e substituída por unha entrega virtual que se fixo pública a través da rede, dez espectáculos recibiron algún premio.

O espectáculo Bernarda, de Malasombra Producións, acaparou o maior número de galardóns desta edición, ao levar os premios nas categorías de espectáculo, texto orixinal (Jose Prieto), actriz secundaria (Celia González) e dirección (Jose Prieto). Este último galardón, o de dirección, foi compartido ex aequo con María Peinado, directora do espectáculo O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia, quen tamén levou o galardón á adaptación-tradución.

Así, esta obra fíxose finalmente con dous galardóns, os mesmos que Liberto, de Rebordelos, que gañou nos apartados de actriz protagonista (Rocío González) e de música orixinal (Lucía Aldao). Pola súa banda, Umm! Unha comedia musical para chupar os dedos, de Avento Teatro, conseguiu o premio ao espectáculo infantil. Outros sete espectáculos conseguiron un galardón nestes XXIV Premios de Teatro María Casares. Idiota, de Redrum Teatro, acadou o premio ao mellor actor protagonista (Machi Salgado); MedidaxMedida, de Producións Teatráis Excénctricas en coprodución co FIOT, conseguiu o premio ao mellor actor secundario (Josito Porto); Neorretranca e posmorriña, do Centro Dramático Galego, alzouse co premio de escenografía (Marta Pazos); O empapelado amarelo, de A Quinta do Cuadrante, levouno no apartado de Iluminación (Laura Iturralde); Despois das ondas, de ButacaZero, conseguiu o María Casares de vestiario (Carlos Pinilla), e Vida de Cans, de Talía Teatro, obtivo o de maquillaxe (Martina Cambeiro).

premio DE HONRA. Flor Maceiras recibiu o Premio de Honra Marisa Soto e, no seu discurso, agradeceu o recoñecemento recibido e sinalou que “o teatro é un dereito da cidadanía, non un privilexio da xente que o facemos”.

“E para que a xente poida exercer os seus dereitos, ten que ter acceso e ten que haber unha administración pública, local, galega, estatal, que se debe implicar no investimento”, sinalou Flor Maceiras, quen tamén quixo lembrar unha parte fundamental da estrutura teatral: a formación. “Este é un premio non tanto a min e si máis a xente que sempre estivo empeñada na formación teatral na Galiza”, rematou Flor Maceiras.

Tamén se escoitou a actriz Isabel Risco ao ler o seu Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro.

palmarés
categorías

Maquillaxe: Martina Cambeiro por Vida de Cans (Talía Teatro)

Vestiario: Carlos Pinilla por Despois das ondas (ButacaZero)

Iluminación: Laura Iturralde, O empapelado amarelo (A Quinta do Cuadrante)

Escenografía: Marta Pazos, Neorretranca e posmorriña (CDG)

Música orixinal: Lucía Aldao por Liberto (Rebordelos)

Texto Orixinal: Jose Prieto por Bernarda (Malasombra)

Adaptación-tradución: María Peinado por O meu mundo non é deste reino (Teatro da Ramboia)

Actor secundario: Josito Porto, por MedidaxMedida (Producións Teatráis Excéntricas-FIOT)

Actriz secundaria: Celia González por Bernarda

Actor Protagonista: Machi Salgado por Idiota (Redrum Teatro)

Actriz protagonista: Rocío González por Liberto (Rebordelos)

Dirección: Jose Prieto por Bernarda (Malasombra) e María Peinado por O meu mundo non é deste reino (Teatro da Ramboia)

Espectáculo infantil: Umm! Unha comedia musical para chupar os dedos, de Avento Teatro

Espectáculo: Bernarda

10 nov 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.