Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Acisclo Manzano, referente da ourensanía e bonhomía, medalla de ouro provincial

O homenaxeado responderá ao recoñecemento de Ourense cunha exposición para conmemorar o seu noventa aniversario

O escultor Acisclo Manzano recibiu este venres a medalla de ouro da provincia nun solemne acto no salón de plenos da Deputación de Ourense e presidido por Manuel Baltar, que definiu ao artista como todo un referente do “ourensanismo transformador, da arte e da bonhomía”. Unha distinción á que o escultor correspondeu anunciando “un agasallo para todo Ourense” cando cumpra 90 anos, cunha exposición que titulará Tocar e levar, “porque quero estar en todas as casas”.

Baltar resumiu o compromiso de Acisclo Manzano coa arte citando as palabras do homenaxeado: “Son escultor e doulle grazas á escultura”, deixou escrito no encabezado do libro Acisclo escultor, patrocinado e editado pola deputación en 2016 e que recolle a investigación da profesora Mercedes Gallego con ilustracións de Mani Moretón.

O presidente provincial expresou a súa “admiración, respecto e agradecemento a un ourensán de pura cepa, a unha personalidade fondamente humana, inimitable, intuitiva e a un referente do que somos e ata onde podemos chegar”. Un escultor do que destacou a súa capacidade “para conciliar discretamente, sen facer ruído, sempre con eficacia” no contexto dos movementos artísticos “que agromaron na Auria que lle tocou vivir e na que segue a estar totalmente presente”. Subliñou outra capacidade máis do artista: “Rachar co pasado sen renegar nunca das súas raíces”.

Logo de citar as palabras de Vicente Risco nunha das primeiras exposicións de Acisclo -“o escultor de ídolos aínda que non crea neles porque sabe descubrirlle os xeitos e as formas”-, puxo de relevo a celebración desta homenaxe no contexto do douscentos aniversario da deputación. Dous séculos de servizo “a un mesmo ideal: atender, servir, engrandecer e compartir a Ourensanía, sentimento común que nos caracteriza, e que a partir de hoxe conta con Acisclo Manzano como cidadán de ouro”.

O homenaxeado refrendou ese sentimento afirmando que “son de Ourense e nacín nas Burgas; máis non podo pedir”, engandindo que “abonda con mirar cara Montealegre ou a Ribeira Sacra para comprobar que xa temos todo aquí, as formas, a paisaxe, a escultura e a pintura, sen necesidade incluso de saír de Galicia”.

Insistiu en que “a escultura secuestroume, é o meu síndrome de Estocolmo, quéroa”, apuntando que quizás esta devoción veña do seu nome, pois gregos e romanos chamaban “acisclos” ás macetas ou martelos de ferro que utilizaban os canteiros.

A catedrática de Historia da Arte Contemporánea da Universidade de Vigo, María Victoria Carballo-Calero, foi a encargada da laudatio, na que dixo que as obras de Acisclo “son unha xeografía do corpo que moldea e transforma en paixases, esculturas de inspiración clásica con pezas nas que latexa con forza o espírito da terra propia de Galicia”.

Subliñou a “ complicidade” con Xaime Quessada -ao que reivindicou para evitar o seu esquecemento- e do que dixo axudou a facer máis cosmopolita a Acisclo.

Unha vez superadas as restricións pola pandemia, o salón de plenos do Pazo Provincial encheuse de novo coa presenza de cargos institucionais como o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; os alcaldes de San Cristovo de Cea e Xunqueira de Espadanedo, José Luis Valladares e Carlos Gómez; parlamentarios autonómicos e senadores; deputados provinciais de todos os grupos políticos representados na deputación; familiares e amigos, e representantes do mundo da cultura galega.

17 jun 2022 / 17:12
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.