Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Advertencia: fagas o que fagas, non espertes o panda

Da man de Triqueta Verde Editora e traducida para o galego por Iolanda Mato, chega ás librarías Pandamonia, publicada orixinalmente no ano 2016 polo escritor Chris Owen e polo ilustrador Chris Nixon. Este álbum infantil encadrado no mundo animal parte da motivación e reflexión, incluída nas gardas posteriores, arredor do labor de conservación e protección que desenvolven os zoos, facendo, ademais, un chamamento ao tratamento ético dos animais nestas instalacións.

A obra principia coa voz narrativa dándonos a benvida ao mundo de Pandamonia, animándonos a explorar as súas páxinas, a relaxarnos e a descubrir canto nos rodea. Porén, ao mesmo tempo, fainos unha advertencia que se repite de xeito continuado a modo de retrouso: “fagas o que fagas, non espertes o panda”. Deste modo, relátanos todo o que acontecería se o rosmón espertase, unha festa de balbordo, sons e caos onde poderemos coñecer unha fauna moi variada: iacs, bilbís, ualabís, lémures, uómbats, xibóns, emús, flamengos... todos eles gruñindo, roncando, brincando, croando, ruxindo, bruando... nunha rexouba sen fin.

As ilustracións vanse volvendo máis caóticas, aumenta o movemento e as cores tornan máis fortes e rechamantes para representar o incremento do boureo, unha anarquía sensorial aderezada coa referencia musical a un dos pioneiros do rock and roll, Little Richard, e á súa canción Tutti frutti (1955). Gabanza ao caos e ao silencio, á relaxación e á algarada, unha frenética musicalidade de sons e cores que xogan co lector ou lectora, incompatibles coa indiferenza.

Á fin e ao cabo, un libro para enredar, investigar, descubrir a fauna foránea e aumentar o vocabulario. Paga a pena mergullarse nesta espectacular aventura, no entanto, cando entres no marabilloso mundo de Pandamonia, non o esquezas, fagas o que fagas, NON ESPERTES O PANDA!

pousadascr@gmail.com

02 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.