Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Agasallos en galego para Reis

A Mesa pola Normalización Lingüística lanza un catálogo de máis de cen para “comprar con responsabilidade lingüística” este Nadal

Coa chegada dos reis a volta da esquiña xa hai que ir preparando os agasallos para toda a familia, se este ano buscas que sexa algo máis especial, que mellor que escoller algo feito na terra empregando o noso idioma. A Mesa pola Normalización Lingüística vén de lanzar un extenso catálogo con centos de propostas de compras de Nadal en galego facendo chamamento para que se adquiran con “responsabilidade lingüística”. O catálogo forma parte do proxecto Abertos ao Galego, que certifica o compromiso coa normalización da lingua galega nas empresas e comercios, apoiando desta forma aos establecementos que fomentan o uso da nosa lingua. Un proxecto para premiar aos que axudan a que se normalice e tamén unha forma de animar a máis comercios a que se sumen á iniciativa. Unha maneira máis de buscar que se incremente o uso da lingua, sobre todo entre os máis novos, xa que segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), un de cada catro menores de 15 anos non sabe falar galego.

“Non ten as mesmas repercusións económicas, laborais ou ecolóxicas comprar un iogur fabricado en Francia que en Galiza, do mesmo xeito que non é o mesmo ter contratada unha empresa que emprega persoas que poden atender a clientela en galego ou unha que non dá o seu servizo na nosa lingua”, afirma o presidente da Mesa, Marcos Maceira.

O proxecto Abertos ao Galego conta tamén cunha aplicación móbil dispoñible nas principais plataformas. Nela están sinalados os establecementos que contan co certificado ‘Abertos ao galego’ xunto a aqueles dos que hai constancia do uso do galego, xa que os propios usuarios poden sinalizar na app aquelas empresas que coñezan que empregan a lingua.

Algúns dos motivos que dan dende a Mesa polos que prefiren empresas que traballan en galego son “que temos dereito a escoller ser tratados na nosa lingua e recibir unha atención personalizada. Tamén é unha aposta para a contratación de máis traballadores galegos, de forma que apoiando activamente as firmas que apostan polo galego estamos facendo moito por promovermos o galego no ámbito socioeconómico. Ademais a lingua galega é unha marca de orixe e a orixe galega dos produtos é un sinal de calidade, e en moitos casos de elaboración natural e artesanal.”

No catálogo inclúen libros para todas as idades como por exemplo Corona - bios de Manel Cráneo, O mal querer de Natalia Carou ou Zona a Defender de Manuel Rivas. Tamén atopamos entre os discos musicais a Ultraligero de Novedades Carminha e Old School R’n’R de The Bo Derek’s.

Agasallos en galego para Reis

O agasallo de moda deste ano son os xogos de mesa xa que temos que pasar más tempo na casa, podemos encontrar en OZOCOgz “Ti non es de aquí?” un xogo de mesa no que os e as participantes deben demostrar os coñecementos que teñen sobre Galicia. Na tenda Punto e Coma de Ourense vemos “Arume Xogal” un xogo que se basea no coñecemento da historia, das tradicións, da arte, cultura e lingua de Galicia, da súa descrición física e medio. Algo máis novidoso, que tamén podemos atopar nesta tenda, co que sorprender aos nosos achegados sería o Altofalante ASMR da tenda deseñado polo prestixioso luthier Carlos Sabrafén. Fabricado en Allariz con madeiras autóctonas galegas, aproveita as superficies de apoio para amplificar o son de forma eficiente e sen necesidade de fontes de alimentación.

Agasallos en galego para Reis

Na xoguetería Brazolinda atopamos moitos xogos para as crianzas entre os que podemos destacar Virandela, xogo que pretende renderlle unha homenaxe á Danza das cintas presente en diversas zonas de Galicia, que consiste en danzar ao ritmo da música ao redor dun pau entrelazando as cintas que saen da parte alta do mesmo.

Se buscamos darlle a algúns dos nosos seres queridos un respiro podemos apostar por un aloxamento de luxo rural na montaña galega no Pazo da Pena en Manzaneda ou se pola contra son máis de praia que de montaña un boa opción é a estancia no Camping a Gaivota en Barreiros, moi cerca da famosa Praia das Catedrais. Tampouco ven mal agasallar gastronomía galega, se queremos regalar algo doce unha boa aposta sería un lote de degustación Carabuñas de marmelada ourensá ou mel de Abella Creativa.

$!Pazo da Pena
Pazo da Pena
29 dic 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.