Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Albízaras! xa en galego as primeiras entregas de ‘Aprendiz de cabaleiro’

No ano 2020 publicáronse en galego, pola editorial Tambre, as dúas primeiras entregas de Aprendiz de cabaleiro, unha serie de Vivian French e David Melling editada en Reino Unido en 2015. A primeira delas, Os dragóns non saben nadar, presenta, como é habitual nas coleccións, os personaxes principais dos restantes números.

Neste caso o lectorado autónomo, moi especialmente o dos primeiros cursos de primaria, coñecerá a Sam J. Butterbiggins e o seu paxaro garabato, así como a súa peculiar familia, coa que ten que convivir no castelo Mothscale por mor dunha viaxe de seus pais: a tía Eglantine, responsable dunha hospedaxe para vacacións de luxo destinada a dragóns, grifóns e outras criaturas; o tío Archibald, un excéntrico personaxe coñecedor do mundo dos cabaleiros, e a súa pesada curmá Prunella.

Ao longo de oito capítulos titulados, o lectorado descobre a Sam, un rapaz que soña con cambiar de nome e, sobre todo, con ser cabaleiro e vivir aventuras. A primeira delas estará estreitamente relacionada coa curmá Prune, quen se ve na obriga de pedirlle axuda a Sam logo de que un pequeno dragón ao coidado da tía Egg escapase e se metese no pozo do castelo. Rescatar a Godfrey do pozo permitiralle descubrir un pergameo no que se recollen as misións necesarias para acadar o título de cabaleiro e cumprir a primeira delas: atopar un fiel compañeiro.

No número dous da colección, Unha egua chamada Dora, descóbrese a seguinte misión para un aprendiz de cabaleiro e o seu fiel compañeiro. Nesta ocasión Sam e Prune, quen irá cobrando protagonismo no relato, teñen como propósito obter un corcel branco a partir da acción dunha boa obra. A elección do camiño prohibido á hora de realizar o mandado da tía Egg levaraos a entrar en contacto cunha árbore erradía e a darlle solución ao conflito por ela provocado. Tamén participarán no concurso anual de lanzamento de repolos, do que obterán bo proveito.

Os textos acompáñanse das ilustracións figurativas en branco e negro que representan os personaxes en momentos significativos da historia. Pola súa banda, a tradución de Alejandro Tobar, responsable tamén da realizada ao castelán, caracterízase pola escolla meticulosa de termos galegos pouco frecuentes.

Agardamos poder seguir lendo en galego novos capítulos que integran esta colección, xa dispoñibles noutras linguas, pois correspóndense con entregas divertidas, do gusto dos máis novos, que veñen a cubrir un baleiro na LIX galega.

marta.neira@usc.es

28 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.