Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Amizades sen fronteiras nin idade e un divertido misterio por resolver

Foi a finais do pasado 2020 cando saíu á luz da man da editorial Cuarto de Inverno a novela Velloucas&Minchas. Unha obra destinada ao público xuvenil que resultou a gañadora do III Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil, convocado polo Concello de Pontevedra e a propia editora, e que honra a figura desta escritora fundamental da LIX galega á vez que promove a escrita de calidade para o lectorado xuvenil.

Nesta historia relátase o que acontece durante a estancia dunha adolescente e a súa amiga e compañeira de clase na casa da súa avoa. As dúas rapazas integraranse de marabilla na comunidade de veciñas da terceira idade coas que convive a avoa, e formarán parte dunha aventura de pescudas cargada de momentos emocionantes e outros para escachar coa risa.

Trátase dunha narración dinámica e intrigante que bebe moito da realidade galega e que pon en primeiro plano as mulleres como protagonistas da trama. Detrás desta obra está Lorena Conde (Ponte Sampaio, 1980) que, ademais de dedicarse á escrita, é actriz, directora de teatro e artista plástica. No ano 2016 recibiu o premio Miguel González Garcés polo poemario Entullo e, no 2020, faise con tres premios literarios: o Cidade de Ourense de poesía, o Filomena Dato e o María Victoria Moreno pola obra aquí resencionada, na que destaca a humanidade das personaxes, o tratamento de temas de actulidade ou a capacidade de enganchar ao lectorado nunha narración fluída e chea de humor.

As ilustracións da cuberta e das gardas van da man de Blanca Vila (Ferrol, 1993) que, tras formarse como ilustradora na Escola Pablo Picasso da Coruña, dedícase a este oficio. As imaxes que elaborou para este proxecto espertan esa intriga xogando a dirixir a mirada cara lugares que están fóra da páxina ou tras unha porta.

Por outro lado, as tres ilustracións poderían ser unha clase de secuencia narrativa: na cuberta, a luz que enfoca polo oco das escaleiras conecta na contra coa luz que cae desde arriba e ilumina a tres señoras diante dunha porta, e esta cos pomos das gardas.

Unha entretida e intrigante novela para engancharse, divertirse, disfrutar da dozura das súas palabras e para recoñecer, se é que había dúbidas, as mulleres como protagonistas principais das historias, como xa teñen feito anteriormente outros creadores de Literatura Infantil e Xuvenil.

raquel.senfer@gmail.com

16 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.