Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Amor e emoción volven á TVG da man de ‘48 horas para o si’

Estrease hoxe ‘Atmosféricos’, un programa presentado por Sevi Martínez // Ofrecerá contidos relacionados co medio natural

A emoción, o amor, os nervios, as sorpresas e o mellor entretemento volven hoxe á TVG coa segunda temporada de 48 horas para o si, espazo de telerrealidade presentado por Iolanda Muíños, en que seguirán sendo protagonistas as peticións de matrimonio por sorpresa, cos nervios a flor de pel ata o último minuto para saber cal será a resposta.

Cada semana, a persoa que quere casar coa súa parella vivirá dous días a bordo dunha autocaravana, onde, co apoio dun ‘cómplice’, un amigo ou membro da familia, deberá levar a cabo todos os preparativos da voda. Durante estas 48 horas terá dar o todo polo todo para conseguir a voda perfecta e que a outra persoa lle dea o ‘si’. Mentres tanto, a vítima estará enganada pensando que vai participar nun programa de televisión para coñecer mellor a súa parella.

Durante este proceso, a audiencia coñecerá en profundidade a parella protagonista, os momentos máis destacados da súa relación e mesmo as partes máis escuras, que farán dubidar os namorados máis convencidos e que mesmo poderían provocar que nesta temporada haxa algún ‘non’.

No programa desta noite, Yésica, unha nómade empedernida, moi pallasa e dinámica, como ela se define, busca pedirlle matrimonio ao seu mozo Dani, un home valente e positivo cunha historia persoal tan fermosa como dramática, capaz de superar un accidente que o deixou sen unha perna.

Coa complicidade da súa amiga Paula, Yésica percorrerá Galicia na autocaravana de ‘48 horas para o si’ para realizar todos os preparativos da súa voda, mentres Dani pensa que o están gravando para outro programa de televisión.

Pero o engano a Dani non será o único escollo para acadar o anhelado si: unha carreira contra o reloxo e os impedimentos no camiño farán perigar os obxectivos de Yésica e da súa cómplice.

ATMOSFÉRICOS. A transcendencia social dos contidos relacionados coa meteoroloxía e co medio natural é cada vez maior. En coherencia co interese crecente sobre un asunto capital na vida dos cidadáns, a Televisión de Galicia amplía esta temporada os espazos dedicados á información do tempo e estrea hoxe o programa ‘Atmosféricos’.

Este novo espazo divulgativo, que se ofrecerá de luns a venres ás 13.30 horas, será presentado por Sevi Martínez e ofrecerá 15 minutos diarios de contidos relacionados co medio natural, o cambio climático e as súas consecuencias e asuntos relativos aos sectores primarios directamente dependentes do tempo. Para isto, contará coas achegas diarias de expertos divulgadores de referencia para explicar as claves meteorolóxicas de cada momento.

Atmosféricos emitirase pola primeira canle e tamén polo portal web e as redes sociais de ‘O Tempo’: Instagram, Twitter e Facebook. Ao igual que os espazos de ‘O Tempo’, o programa estará dotado de novas narrativas audiovisuais apoiadas na tecnoloxía para ofrecer un relato máis dinámico e gráfico.

A REVISTA. A semana pasada comezou en Galicia a administración da vacina do papiloma humano a nenos de menos de 12 anos, sendo os galegos os primeiros de toda España en recibir unha dose, que ata agora só se administraba ás nenas. Porén, enfermeiras de Pediatría advirten que non todas as familias poden permitirse a inoculación e avogan por estender a cobertura ata os 15 anos. A vogal por Pontevedra da Asociación Galega de Enfermaría de Pediatría, Cristina Sanmartín, estará para falar deste tema.

19 sep 2022 / 20:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.