Animaliños
Supoño que ter arribado en patera ás costas do mundo dixital provoca en min molestias que acaso os nativos non padezan. Un apuntamento ao natural: a alguén serviulle nunca de algo o solucionador de problemas de Windows? Non coñezo nada máis inútil nin máis odiosamente frustrante. Ou talvez si: apouchar irremediablemente cun anuncio de strepsils, no que un boneco azul e cabezón se preocupa pola nosa saúde esofáxica, antes de ver e escoitar o que queremos ver e escoitar en Youtube. De entre o bizarro catálogo de aperitivos promocionais aos que nos somete Youtube, acaso teña atopado vostede un anuncio de Greenpeace contra a gandaría intensiva. Sobre o debuxo dunha vaca frisoa, moi naïf, con pinta de feliz e tal, unha voz masculina di: Isto é o que imaxinas cando pensas nunha granxa. E logo, co efecto da pobriña da vaca reproducida centos de veces: Pero isto é o que pasa cando encerras 5000 vacas nunha macrogranxa. A mensaxe subseguinte, como pode doadamente inferirse, é de índole netamente ecolóxica e, creo, busca provocar no usuario unha reacción emocional.
Unha amiga miña chamaba a unha destas explotacións porcinas que había en Cacheiras campo de concentración de porcos. Non sei se a comparación resulta máis odiosa que suxerinte. Aquí quixera ver eu un Freud analizando a sinistra asociación mental de macrogranxas de animais con campos de exterminio humano! Pois diso se trata: en rigor, concentrar para matar. Reini Heydrich, poñamos por caso, cría que entre o sacrificio dun cucho e o dun xudeu húngaro apenas existían diferenzas de matiz: o xudeu non tiña utilidade algunha, o cucho si.
Pero... alto aí! España acaba de aprobar unha lei para o benestar animal, na que as nosas mascotas son consideradas seres sentintes. Curiosamente, case ao mesmo tempo, armouse un pollo considerable a conta das declaracións de certo ministro especializado, ao que parece, en meter o zoco. Na liña do vídeo de marras, o alto cargo despachouse contra as macrogranxas, na súa opinión un sistema despiadado e pouco sostible. O certo é que milleiros de indefensos porcos, galiñas ou xovencas teñen un seguro destino: feneceren para satisfacer unha sociedade insaciable, enferma de gula, opulencia, hipertensión arterial e flato suspenso. El non serán estes infelices porcos, galiñas ou xovencas seres sentintes? É de coña considerarmos unha práctica abominable atar un canciño a unha cadea dende o nacemento (práctica, por certo, moi enxebre en Galicia) mentres, ao tempo, vemos perfectamente lexítimo arrearlle un tiro cunha pistola de aire comprimido a un año, símbolo secular da inocencia, que aínda leva dentro o leite da nai, para papar unhas excelentes chuletillas. Leo nun xornal: O matadoiro moderno foi deseñado para acabar coa vida do maior número de animais á maior velocidade posible. A matanza industrial de animais é un xigantesco negocio e algunhas destas factorías, cada vez máis tecnificadas e con equipamentos cada vez máis modernos e especializados, levan á morte a miles deles cada día. Sóalle de algo?
En fin, que vivimos arrodeados de permanentes paradoxos e contradicións; creo eu, ao cabo, que o tal ministro metepatas non ía alá moi descamiñado. De por parte, dígolle unha cousa: non podo xurar que non volva a comer churrasco pero asegúrolle que, cando o faga, será con sincero acto de contrición e propósito da emenda.