Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ano Laxeiro, a oportunidade de divulgar a figura do xenial artista entre o gran público

O Grupo Atlántica e Rodrigo Romaní recolleron os premios que levan o nome do pintor correspondentes a 2021 e 2022

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo participou onte na ofrenda floral a Laxeiro e na entrega dos premios que levan o seu nome, actos que foron organizados pola Fundación Laxeiro na cidade de Vigo, eque se suman á programación que ten en marcha o Goberno autonómico, en colaboración con distintas entidades, na honra do autor a quen a Real Academia Galega de Belas Artes dedica este ano o Día das Artes Galegas.

As conmemoracións de hoxe coinciden co 114 aniversario do pintor, nado o 23 de febreiro do ano 1908 na localidade pontevedresa de Lalín. Tras a ofrenda floral, desenvolvida nas inmediacións do busto do artista en Vigo, celebrouse a entrega dos galardóns correspondentes aos anos 2021 e 2022.

O Premio Laxeiro 2022 foi para o grupo Atlántica, agrupación artística creada en 1980 co propósito de reactivar as artes plásticas en Galicia. O grupo tivo unha curta vida no panorama artístico, ata 1983, tempo no que realizaron cinco exposicións comisariadas e recibiron o Premio da Crítica Galicia na categoría de Iniciativas Culturais.

O colectivo estivo formado polos pintores Menchu Lamas, Antón Lamazares, Ánxel Huete, Antón Patiño, Monroy e o escultor Ignacio Basallo. Tamén estiveron vinculados os artistas Manuel Moldes, Din Matamoro e Berta Álvarez Cáccamo.

No que se refire ao galardón da edición do ano anterior, a de 2021, recaeu en Rodrigo Romaní Blanco (Noia, 1957) como recoñecemento a unha vida dedicada á renovación e difusión do folclore galego, así como ao seu labor docente no Conservatorio de Música tradicional da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo.

Fundador de Milladoiro. Membro fundador do mítico grupo musical Milladoiro, foi un dos introdutores da arpa céltica na comunidade autónoma ademais de impulsor de proxectos como a Orquestra SonDeSeu.

A Xunta de Galicia salientou a oportunidade que o Ano Laxeiro está a ter para divulgar o legado do artista ao gran público. Está en marcha unha ampla programación específica para homenaxear ao pintor lalinense no marco das conmemoracións do Ano Laxeiro. Entre elas, este mesmo mes o Goberno autonómico anunciou que o Instituto Cervantes de París pechará as itinerancias da exposición Foi un home. Laxeiro en América (Bos Aires, 1951-1970), que a Xunta, en colaboración con outras entidades e institucións nacionais e internacionais, programa para este ano nas cidades de Santiago de Compostela, Madrid e Lalín.

Comisariada polo historiador e crítico de arte Carlos L. Bernárdez, a mostra é unha das grandes apostas da programación do Ano Laxeiro e reunirá pezas únicas procedentes de diversas institucións centradas na época de madurez deste lalinense internacional que se instalou na República Arxentina durante 20 anos.

Ademais desta exposición, a programación, impulsada xunto coa Real Academia Galega de Belas Artes incluirá tamén iniciativas académicas, audiovisuais e didácticas.

O acto central será a conmemoración do Día das Artes Galegas na súa honra, o vindeiro 1 de abril.

23 feb 2022 / 18:54
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito