Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ánxel Carramal Fernández gaña o IV Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético coa obra ‘O caderno de rama’

    Pontevedra. O caderno de rama, de Ánxel Carramal Fernández (Pontevedra, 1994), é a obra gañadora do IV Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético. A obra trata a guerra dende o punto de vista dun neno que, ante a barbarie e a destrución, atopa na creatividade e no debuxo o seu maior aliado.

    Máis alá do contexto bélico actual, o cómic ten un carácter atemporal, acentuado polo feito de que está protagonizado por un neno sen nome que podería ser calquera. Ademais, o xurado destaca a composición de páxina, dinámica e expresiva, así como o uso da narrativa da cor e as escenas de compoñente lírica e poética. O libro será publicado por Xerais no mes de maio de 2023.

    O xurado estivo composto por Kiko da Silva, Fernando Llorente e Miguel Porto, en representación do Garaxe Hermético, e por Anaír Rodríguez e Fran Alonso, en representación de Xerais, e destacou a alta calidade dos traballos presentados, moi especialmente a dos outros dous cómics que resultaron finalistas: Os vagalumes de Mari e Maia e a troita perlada.

    O Premio de Banda Deseñada Garaxe Hermético é un recoñecemento que convoca anualmente Xerais e a escola profesional de BD que dá nome ao certame. O gañador desta edición declárase amante do cómic “dende que teño uso de razón”. Tras moitos anos de dúbidas e un grao en Psicoloxía, decidiu inscribirse na escola O Garaxe Hermético para formarse como autor de banda deseñada. Polo momento semella que vai polo camiño correcto, xa que gañou varios premios nos últimos anos, como o Concurso de Cómic de Pontevedra, o premio ao Mellor Guión do Concurso de Cómic Ciutat de Cornellà ou o Concurso Cíes Talent. Ademais, quedou finalista na Bienal Terras Gauda e recibiu unha Mención de Honra nos premios Xuventude Crea de 2021. ecg

    24 dic 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.