Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Aparecen no xacemento de Proendos materiais romanos do século I ao V

Román Rodríguez salientou a importancia dos restos atopados e a calidade do traballo

Sober. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, acompañados polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, visitaron onte o xacemento arqueolóxico de Proendos, onde nas últimas semanas se vén de completar un traballo de campo no que saíron á luz numerosos materiais de ampla cronoloxía que van desde o século I ata o século V.

Durante a visita, o titular de Cultura salientou a importancia dos restos atopados e a calidade do traballo levado a cabo. Román Rodríguez celebrou os achados que afondan no valor excepcional da Ribeira Sacra, un territorio que se atopa na recta final para ser declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco. “Todos desexamos chegar a esta meta e descubrimentos como este nos fan sentir máis preto de acadalo”, declarou o representante da Xunta, que animou a seguir a traballando xuntos.

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, mostrouse moi satisfeito e ilusionado cos resultados, xa que se “confirma que a lenda da mítica Proencia é unha realidade”. O rexedor avanzou que para a primavera está previsto continuar con novas catas coa finalidade de delimitar a extensión do xacemento e sacar á luz construcións únicas do alto imperio romano que os traballos previos do xeorradar prognostican.

Hipóteses de gran valor. Estes traballos, desenvolvidos a cargo da empresa Tempos Arqueólogos, constataron en só dez días de escavación a existencia dun hipocausto, unha estancia oca que os romanos adoitaban construír debaixo do chan nos cuartos das vivendas e nos baños para que circulara o aire quente.

Ademais, os arqueólogos tamén localizaron unha ábsida circular, un elemento arquitectónico de orixe romano presente tanto en edificios relixiosos como seculares, e unha hipotética horrea romana que, no caso de confirmarse, sería a máis grande de Galicia e a primeira da Comunidade vinculada a unha vila romana.

A estas achegas súmanse os numerosos materiais ou os restos das estruturas das edificacións, que xa foron localizadas a un nivel moi superficial nas primeiras xornadas de traballo, ou a aparición dun mosaico romano que non se conserva íntegro, pero do que si apareceron varios fragmentos reducidos. ECG

10 oct 2020 / 00:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.