Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

“As arpas de Iwerddon”

    ‘o paxaro na boca (1952). Lémbrome daquela atardecida coma se fora hoxe. Rúa Zamora, en Vigo; piladas de area, xabre, a querer entrar o outono, a asomar o sol e a caeren mainas as primeiras follas. Aínda había ben pouco que leváramos a Eduardo Moreiras (Primaveira no Lor) á necrópole de Bembrive logo dun funeral na pequena fábrica románica da parroquia. Cabo da porta, co cadaleito presente e a presenza de Francisco Fernández del Riego, Xesús Alonso Montero, Xavier R. Baixeras, Manuel Forcadela, a viúva de Miguel González Garces, alguén máis, e este que lles escribe neste día de primavera ben distinta ás da memoria, non si?. De peste e festa, tal que asinaba o meu amigo X. L. Méndez Ferrín polos Camiños da vida e tamén na Segunda feira, lembrando a Giovanni Bocaccio e Albert Camus. O paxaro na boca, exemplares do libro co que nos agasallou aquel atardecer Luz Pozo Garza a Maximino Cacheiro Varela e mais a min, estes versos, digo, entre outros que non se me van da memoria: “Cando todo axuda a malmorrer/nada se salva”. Agora, Luz, deste abril que escribo e moita xente vai camiño incerto de maio e derradeiros días, ben cedo, digo , en Galicia, Luz, As almas libres, ou En Galicia/hai bosques misteriosos onde/a silveira é dócil, e tamén Os palacios de inverno , “Crucei a luz aínda furtiva/cunha Biblia datada en Compostela/e leveina no colo como un neno durmido/desde a patria /Riba das nubes/a harmonía da luz entraba en alba”.

    Velaí vén divinal e sempre inesquecible Luz ese Abrir o día cunha flor, mentres agardamos e non esquecemos aquel Concerto de outono, e o auténtico Códice Calixtino, ata que vimos chegar polo florido camiño, ai meu amor! – Vida secreta de Rosalía, cunha adicatoria para este que che recorda, e lembra, tamén, entre outros amigos ao mesmo Maximino que xa nomeei, Alonso Montero, e coido que a Xavier Rodríguez Baixeras.

    O son inmorrente das arpas do intempo que dixen, divinal Luz, leo estas palabras/partitura: “Xa non hai rosas brancas/nin crepúsculos longos pola chaira”.

    Andabamos todos, e ti tamén, Luz, a descubrir o sagrado crepúsculo de Vigo, e ver outra volta o incendio da cidade nas tardes máis calorosas para sofocar este e aquel pensamento, para non lle levar mentiras e flores a Rosalía, tal que unha vez contounos a ti e a min a nosa Ánxeles Penas cando a noite caía enriba do día máis alá de calquera diversión diversa: “Eu non quero pensar/que todo se extermine para sempre/Moito antes de que a imaxe do mundo/se desvelase en lágrimas/Denantes de que o inverno nevase paseniño/nun xardín inocente/ou antes de que as aves asumisen a aurora.../xa estabamos aquí para tensar o amor/xa estabamos na luz remota desta terra que amamos/Nesta chuvia/que toma forma de ave para sobrevivir”.

    Que o amor non se vaia xamais cal paxariña ferida polo dardo envelenado. Terra, lume, luz e vento sexan leves para Luz Pozo Garza.

    22 may 2020 / 21:52
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.