Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 02 julio 2022
02:00
h

As catedrais de Ourense e Tui aseguran a súa conservación

A Xunta inicia as dúas primeiras obras do novo plan aprobado para a conservación de templos galegos dotado con 350.000 euros

A Xunta de Galicia aproba as dúas primeiras obras do Plan Catedrais para os templos de San Martiño en Ourense e Tui-Vigo a través de convenios de colaboración para levar a cabo actuacións de conservación das catedrais Trátase dun acordo dotado con 350.000 euros que se enmarca no Plan Catedrais posto en marcha polo executivo e aprobado no Consello de Goberno co obxectivo de sentar as bases das accións de restauración nas catedrais galegas co horizonte do Xacobeo 2027.

A través desta nova colaboración, a Administración autonómica garante a conservación e o futuro destes templos, de especial importancia para o Camiño de Santiago, traballando en colaboración coas distintas dioceses para sistematizar e actualizar todo o coñecemento existente sobre eles e, posteriormente, actuar de xeito planificado, coordinado e ordenado na súa restauración.

Así, tendo en conta os plans directores de cada un dos conxuntos, na catedral de San Martiño de Ourense, a intervención centrarase nas reixas e nos púlpitos da Capela Maior, incluíndo varias fases que van desde o acondicionamento da zona de traballo, a desmontaxe de varios elementos como os vidros, a toma de mostras ou a retirada de instalacións eléctricas.

Os traballos complétanse con labores de limpeza, coa elaboración de cartografías e a revisión de ancoraxes. Posteriormente procederase a aplicar un tratamento de consolidación e desinsectación e finalmente montaranse novamente as pezas e reintegraranse todos os materiais. Ademais dos traballos anteriores, prevese tamén que da análise pormenorizada do estado de conservación e funcional da estrutura interna das ferraxes das unións e dos accionamentos con que conta a reixa –que so é posible realizar unha vez iniciadas as obras e realizadas as desmontaxes– xurdan traballos complementarios para a rehabilitación estrutural e funcional destes elementos. O importe total da intervención ascende a preto de 430.000 euros.

Así, na catedral de Tui, pola súa banda, as actuacións que se porán en marcha grazas a este convenio encádranse na segunda fase de actuación sobre este templo para garantir o seu futuro, mellorar a accesibilidade e pór en marcha no conxunto o museo previsto no Plan director.

En concreto, os traballos consisten na preparación dos accesos, na posta en valor da zona exterior, na recuperación dunha pequena edificación do recinto en ruínas para o seu uso como punto de información e na dotación dunha nova envolvente ao local de instalacións para dignificalo e incorporalo de novos aseos. Para completar o proxecto actuarase nos arcos da sala capital, eliminaranse as humidades das terrazas do claustro e mellorarase a súa accesibilidade coa prolongación do ascensor existente.

As actuacións que se porán en marcha supoñen un exemplo de colaboración en materia de conservación e protección do noso patrimonio cultural, tendo en conta a relevancia social e a importancia destes templos, que contan coa categoría de ben de interese cultural, non só para os municipios en que se atopan, senón tamén para o Camiño de Santiago, ao se localizaren ao pé da Vía da Prata, no caso da catedral de Ourense, e do Camiño Portugués, no caso da catedral de Tui. Así, a súa posta en marcha favorecerá que os templos manteñan a súa función propia e que continúen funcionando como unha testemuña da tradición e do inxente patrimonio moble, artístico e inmaterial que atesouran xunto cos seus museos, arquivos e pazos episcopais.

02 sep 2021 / 18:47
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.