Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

As escintilacións e a vida

Roberto Varela recolle nun libro a súa biografía fotográfica de nómade inquieto e curioso // O libro, coeditado por Chan da Pólvora na colección de proxectos externos, conta con textos de Luísa Castro, Antón Reixa e Ion de la Riba

“Neste libro hai imaxes, recordos, anhelos e morriña... Pero tamén esquecementos”, asegura Roberto Varela no texto co que nos introduce no seu primeiro libro, O tempo que vivimos, que estes días chega ás librarías nunha coedición de Chan da Pólvora para a Colección Onsa. Roberto Varela, ex conselleiro de Cultura da Xunta e diplomático de profesión, selecciona no libro algunhas das fotografías que realizou ao longo da última década e crea con elas unha sorte de poemas visuais, con pequenos textos onde reflexiona sobre as formas na que a vida nos vai transformando. Nesta aventura editorial, acompáñano Luísa Castro, Antón Reixa e Ion de la Riba.


Desde hai algún tempo, Roberto Varela Faria (Dena, 1959) proxectaba recoller nun libro o seu traballo fotográfico, que ven ser unha caste de diario en imaxes dun nómade. Nova York, onde foi consul; Montevideo, onde foi embaixador, ou as praias de Dena, onde precisamente arranca o seu relato, tecen esa paisaxe interior, abstracta, e ao tempo biográfica. Esta é a idea que lle propuxo a Chan de Pólvora, editora da que é subscritor, e que Chan da Pólvora desenvolveu como unha coedición para a colección Onsa, concibida de feito como un espazo de propostas externas.

Despois dun ano de traballo, no que o deseñador Manuel Martínez coidou especialmente o resultado técnico da impresión, chega ás librarías O tempo que vivimos, un volume con máis de cincuenta fotografías que nos descubre unha vertente ata agora oculta da personalidade deste diplomático que foi conselleiro de Cultura da Xunta no primeiro goberno de Alberto Núñez Feijóo. “Ao final”, indica Roberto Varela no texto que abre o volume, “son esas escintilacións da memoria as que conseguen escapar ao naufraxio do esquecemento. E así, lentamente, case sen nos decatar, fixemos un percorrido que chamamos vida”.

Na travesía editorial, o autor chega acompañado polos poetas Luísa Castro e Antón Reixa, ademais do tamén doplomático vasco Ion de la Riba, que nun artigo titulado As horas mortas recostrué os ámbitos da dor, da memoria e da perda. Mentres, Luísa Castro escribe “Necesitamos dúas vidas para perfeccionar / a arte do recordo” e Antón reixa subliña “A memoria é unha praia elástica / O futuro, unha onda por romper / Memoria elástica / Tan elástica como un calendario entrópico das mareas”.


A obra

O tempo que vivimos ábrese con Recorremos a inmensidade, unha longa secuencia que anuncia os espazos e as atmosferas dun libro que sempre esquiva a adversidade ao bordo do abismo. Nostalxia, melancolía, anhelo é a segundas secuencias e nela aparece o único retrato do autor en todo o volume: el, posto de pé sobre un trampolín, contenplando a superficie das augas dunha piscina. O terreo baleiro [laceración], a seguinte sencuencia, esculca as áreas ilusorias da mente, a fantasía, a alucinación e a propia imaxe como elementos que tamén fornecen a memoria e que, ao tempo, a disturban. Non podo deixar de ser quen son nin co que son conformarme dálle título á cuarta secuencia, que de novo nos demerxe na dimensión ilusoria da identidade. A memoria creámola xuntos / a viaxe é longa e rápida serve de introdución a un conxunto de imaxes sobre a inestabilidade da vida, para logo demerxenos nos efectos de Loita e trabalo. O libro péchase con Onde se deposita o tempo, secuencia marcada pola serenidade, os residuos e a disolución.

Trátase dun libro que nos conduce a través de visións sempre inquietantes, de gran profundidade emocional, cun discurso que non oculta as caras menos compracentes nin se recrea nas máis liviás. Ás veces aparecen labirintos, os trampaollos e a estradas que semellan perderse en sitio ningún. Son reflexos que nos hipnotizan na súa beleza ou son masas que nos estremecen no silencio da súa violencia. E case sempre, como un sedimento, está a soidade, as escintilacións, a vida...

18 ene 2021 / 18:06
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.