Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

As filmotecas, un exemplo de conservación patrimonial

O CCG abordou as alianzas e a creación de novos públicos nunha xornada centrada no papel destas institucións na sociedade

Programación, conservación, restauración, exhibición, alianzas institucionais e formación de novos públicos son algunhas das funcións que tanto Mariona Bruzzo, xefa do Centre de Conservació i Restauració da Filmoteca de Catalunya, como Josetxo Cerdán, director da Filmoteca Española, e o historiador José Manuel Sande apuntaron como necesarias para unha filmoteca durante a xornada celebrada este luns no Consello da Cultura Galega -CCG-. Nesta cita, onde se abordou o papel singular destas institucións de conservación, tamén coincidiron na importancia da parte patrimonial, é dicir, non debe entenderse como un repositorio ou un colector de produtos históricos, senón que cómpre “debe entenderse como un lugar de investigación e de conexión”. O director da Filmoteca expresouno a través dunha das liñas de programación máis recentes da institución que dirixe: “ofrecer unha liña de traballo que xunte o traballo de José Luis López Vazquez, co teatro de barraca e co de vangarda... é unha mostra do traballo dunha unha filmoteca, que serve tamén para pensar”.

Os diferentes modelos. Na súa intervención, Jose Manuel Sande fixo un breve percorrido pola situación das filmotecas en España. “Existen 15 filmotecas territoriais que funcionan como depósito de materiais onde a idea de conservación de patrimonio audiovisual é fundamental” explicou. Teñen situación xurídicas, orzamentos e recursos tamén desiguais, e comparten, alén do nome, funcións diferentes. Sande tamén apuntou un tema pendente para abordar desde as filmotecas como é a durabilidade do formatos dixitais e a necesidade de optar por unha estratexia conxunta.

Mariona Bruzzo, en delegación de Esteve Riambau, director da Filmoteca de Catalunya, que non puido intervir por videoconferencia como estaba previsto; e Josetxo Cendán explicaron estes dous centros que, a diferente escala, destacan sobre o resto por un amplo traballo de investigación, conservación, restauración e difusión arredor do patrimonio fílmico. Explicaron as súas singularidades, así como as súas deficiencias e puxeron exemplos concretos. A Filmoteca de Catalunya, conta cun orzamento anual de arredor de 5,8 millons de euros, que ten unha colección con preto de duascentas mil latas con cinema catalán, filmes inéditos, e coleccións específicas. “A nosa liña é conservar o patrimonio cinematográfico difundir a cultura cinematográfica e crear novos públicos” explicou Mariona. No en tanto, Cendán apuntou á importancia das liñas de investigación, de alianzas con outros centros para poder desenvolver liñas de traballo. E puxo exemplos concretos, a rehabilitación de La casa de la Troya, rehabilitada en colaboración ca Filmoteca de Galicia.

Mantemento como eixe central. Na xornada tamén se focalizou na importancia da conservación. Marián del Egido, directora do Centro de Conservación y Restauración da Filmoteca Española, comezou a súa intervención encaixando a consideración xurídica, patrimonial e política. “É un proceso que subministra coñecemento ás sociedades que nace do pasado, se desenvolve no presente e se lega á cidadanía” apuntou ao tempo que expresou que “require de políticas e de modelos que desenvolven sobre un patrimonio que é fráxil”. Encaixouno dentro da protección xurídica do patrimonio cultural, en pé de igualdade con outros campos como a arte ou a arqueoloxía.

A documentación, o inventario, a investigación... son aspectos fundamentais relacionados co patrimonio e Marián explicou que alén das filmotecas ninguén se encarga destes bens. “Non hai liñas estratéxicas e polo tanto as filmotecas son fundamentais para a conservación e salvagarda do patrimonio audiovisual que, como patrimonio cultural, ha de preservarse por imperativo legal”.

A xornada contou tamén cunha sesión práctica na que se proxectaron e comentarios varios exemplos de audiovisuais restaurados.

15 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.