Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

As fundacións herdeiras da Xeración Nós recibirán o martes as Medallas do Parlamento

A entrega do galardón, que foi suspendido en 2020, coincidirá co 40 aniversario do Estatuto de Autonomía

O Parlamento de Galicia entregará o martes as súas Medallas de 2021 á Xeración Nós, personificada en catro entidades que homenaxean e dan continuidade á memoria de personalidades que a integraron: a Fundación Otero Pedrayo, a Fundación Castelao, a Fundación Antón Losada Diéguez e a Fundación Vicente Risco.

Será un acto celebrado no Pazo do Hórreo o mesmo día en que se cumpren 40 anos do Estatuto de Autonomía de Galicia. Participarán, ademais do presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices, o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e representantes das fundacións galardoadas.

Nun comunicado, o Parlamento explica que o vixente Estatuto de Autonomía, promulgado o 6 de abril de 1981, é "herdeiro e continuador" do truncado estatuto de 1936, que á súa vez foi froito "do esforzo e o compromiso galeguista" da Xeración Nós.

Precisamente, o pasado 2020 cumpríronse 100 anos desde que viu a luz o primeiro número da revista 'Nós', sostida entre 1920 e 1936 por un grupo de intelectuais liderados por Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Alfonso Rodríguez Castelao, Arturo Noguerol, Florentino López Cuevillas e Ramón Otero Pedrayo.

Este círculo iríase ampliando até conformar un conxunto máis heterogénero de colaboradores que participaron neste proxecto nas súas distintas fases, até a súa desaparición en 1936.

Entre o resto de personalidades esenciais para 'Nós', o Parlamento menciona tamén a Xavier Prado 'Lameiro', a Ánxel Casal e a Ramón Cabanillas, xunto a case 200 figuras que completaron o chamado "segundo círculo" da revista.

Estas persoas "cosmopolitas, europeístas, cultas e vangardistas" conformaron a chamada Xeración Nós, coa que "o galeguismo comezou unha nova andaina", subliña o Lexislativo.

UN LEGADO "IMPERECEDOIRO"

O martes, as catro fundacións herdeiras deste movemento --Fundación Otero Pedrayo, Fundación Castelao, Fundación Antón Losada Diéguez e Fundación Vicente Risco-- recibirán a Medalla do Parlamento 2021 porque "a súa semente e o seu exemplo permaneceron imperecedoiros na Galicia territorial e na emigración", tal e como sinala o acordo unánime adoptado pola Mesa da Cámara.

Este galardón, entregado cada ano polo aniversario do Estatuto de Autonomía, foi suspendido en 2020 debido a que o Parlamento se atopaba disolto --nun principio, había convocadas eleccións para o 5 de abril, aínda que se aprazaron ao 12 de xullo-- e porque coincidiu co confinamento derivado da pandemia do coronavirus.

En anteriores edicións, a Medalla do Parlamento de Galicia recaeu na Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas (2019) como representantes da emigración galega; en entidades benéficas como Cáritas Diocesanas, Cogami e Aldeas Infantiles (2018); e na chamada 'Comisión dos 16' (2017), autores do anteproxecto do Estatuto de Autonomía.

SANTIAGO. EUROPA PRESS

04 abr 2021 / 13:18
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.