Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

As irmás Touza: heroínas en tempos de guerra

As historias de heroísmo que coñecemos hoxe en día semellan ser todas de superheroes con superpoderes e vestimentas rechamantes, pero non hai que rebuscar tanto na imaxinación para dar con xente que mereza o título de heroe. É o caso das irmás Touza, Lola, Amparo e Xulia, tres veciñas de Ribadavia que acabaron salvando a vida a máis de 500 persoas que fuxían do Holocausto nazi aproximadamente entre os anos 1941 e 1945.

As tres irmás rexentaban un casino e unha pequena cantina -que segundo se conta, semellaba máis a un quiosco - na estación de ferrocarril. O que moitas veces se descoñece, e que esta vila ourensá foi para moitos a penúltima parada daqueles que fuxían do Holocausto, e que elas formaban parte dunha rede clandestina que axudou a salvar a vida a máis de 500 persoas xudías.

Na súa obra ‘Lola Touza, a Schindler galega’ (2015), Vicente Piñeiro refírese a estas tres mulleres como colaboradoras “da rede clandestina máis importante de Europa, que comezaba nos Pirineos por Gerona, facía escala en Medina del Campo e chegaba ata Ribadavia, tramo decisivo dende o que as irmás Touza arriscaban as súas vidas para atendelos e facilitarlles paso a Portugal”.

Esta rede na que Lola, Amparo e Xulia colaboraban, contaba cunha serie de engrenaxes imprescindibles: un barqueiro, Ramón Estévez; un taxista, Javier Míguez ‘O Calavera’ e, entre outros un tradutor: Ricardo Pérez ‘O Evanxelista’. O nome en clave co que se coñecía á maior das tres irmás dun xeito seguro, Lola, era ‘A nai’, alguén a quen a Gestapo nunca deu descuberto.

Era na ruta Hendaya-Vigo na que viaxaban as persoas xudías tratando de fuxir dunha morte segura, e nesa sorte de quiosco, situado nunha zona tan estratéxica coma o mesmo ferrocarril, era onde as irmás Touza agochaban aos fuxidos, así coma no seu propio fogar, no que tiñan un soto debaixo dun falso solo. Alí, dábanlles comida e refuxio -e incluso cartos- ata que cruzaban o Miño de camiño a Portugal.

Vítimas da desmemoria. Incomprensiblemente, a súa historia- como moitas outras - rematou ficando no esquecemento, logo de que Lola falecese a causa dun derrame cerebral en xuño de 1966; Amparo no 1981 e, dous anos despois, no 1983, Xulia: mantivérono en segredo toda a vida. Non foi ata que no 2005 Antón Patiño Regueira, libreiro e escritor natural de Monforte de Lemos, publicou a obra ‘Memoria de Ferro”, na que logo de 60 anos de anonimato, puxo nomes e apelidos a estas tres veciñas de Ribadavia que salvaron a máis de medio milleiro de persoas no medio dun dos maiores conflitos bélicos que viu a humanidade.

Pero que hoxe saibamos quen eran estas tres mulleres é algo que debemos a un acontecemento que tivo lugar en Nova Iorque no ano 1964, cando unha das moitas persoas que Lola, Amparo e Xulia quixo descubrir que fóra daquelas que lle salvaron a vida. Tratábase de Isaac Retzmann, xudío que conseguira chegar ao país no que os soños se fan realidade - Estado Unidos- e que, sendo coñecedor dun galego emigrado, fixo chegar as súas inquedanzas ao outro lado do océano.

Retornado en Galicia, Amancio Vázquez viña coa misión de preguntar polo devir das irmás Touza, e, finalmente, acabou dando con Patiño. Tras anos de fonda investigación, no 2005 a obra na que este monfortino plasmou a vida das irmás Touza viu finalmente a luz, traendo consigo unha batería de - máis que merecidas - conmemoracións e homenaxes a estras tres mulleres.

Unha delas foi a feita na súa Ribadavia natal, cunha sinxela pero non por iso menos significativa placa que loce ‘Loitadoras pola liberdade’. Na actualidade, está no aire que se lles conceda o título de ‘Xustas entre as nacións’, que se outorgan ás persoas non xudías que axudaron ás vítimas do Holocausto.

25 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito