Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

As pinturas de Cova Eirós son os últimos símbolos dos grupos de cazadores

Os investigadores do GEPN-AAT da USC a definen , no seu último estudo, como un “verdadeiro Fisterra da arte paleolítica”

A arte conservada en Cova Eirós atópase entre as últimas manifestacións simbólicas dos grupos de cazadores recolectores, un “verdadeiro Fisterra da arte paleolítica” en palabras dos investigadores do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste-Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da USC Ramón Fábregas e Arturo de Lombera Hermida, co autores dun novo artigo científico liderado por Marcos García Díez, profesor da Universidade Complutense de Madrid, e que tamén asina Xosé Pedro Rodríguez Álvarez, investigador do Institut Català de Paleoecoloxía Humana i Evolució Social (IPHES)-CERCA e profesor da Universidade Rovira i Virgili de Tarragona.

O traballo agora publicado na revista Journal of Archeological Science: Reports amosa que as manifestacións artísticas de Cova Eirós amplían a distribución xeográfica e a continuidade cronolóxica da arte de tradición figurativa paleolítica.

Esta nova contribución científica dá continuidade aos traballos arqueolóxicos realizados desde hai anos en Cova Eirós (Triacastela, Lugo), xacemento no que se descubriron en 2011 as primeiras pinturas rupestres paleolíticas de Galicia. Desde entón, o proxecto arqueolóxico dirixido polo GEPN-AAT da USC en colaboración co IPHES/URV, ao abeiro de actuacións con financiamento da Consellaría de Cultura da Xunta e do Ministerio de Ciencia, está a achegar abondosa información sobre a arte dos últimos grupos paleolíticos.

Ata fai poucos anos as manifestacións artísticas dos derradeiros grupos de cazadores colleiteiros consistían principalmente en mostras de arte moble (plaquetas gravadas), relata de Lombera, ao tempo que precisa que o conxunto figurativo de Cova Eirós, xunto co da Cova Palomera, en Burgos, convértense nas únicas cavidades da península Ibérica con representacións pictóricas e datacións da arte do final do Paleolítico.

As representacións de animais na arte rupestre distínguense polas súas características xeométricas, formas esquematizadas e estilizadas, recheos de liñas internas, propias dunha tradición simbólica pan-europea coñecida como Estilo V, explica este investigador.

O codirector dos traballos arqueolóxicos realizados en Cova Eirós sinala asemade que as características técnicas e estilísticas dos motivos e as datacións de Carbono 14 obtidas sobre as propias pinturas rupestres de Cova Eirós confirman unha antigüidade duns 9.500 anos.

Alén destas consideracións científicas xa probadas, o novo estudo que publica Journal of Archeological Science: Reports amplía a persistencia da tradición figurativa da arte paleolítica e encadra a arte de Cova Eirós entre as últimas manifestacións simbólicas dos grupos de cazadores colleiteiros, o que converte o enclave de Triacastela nun verdadeiro Fisterra da arte Paleolítica.

27 ene 2021 / 00:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.