Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

As sete chaves de Alfredo Gómez Cerdá para abrir moitos soños

Este ano, no que a pandemia derivada da COVID-19 marcou a sociedade mundial, saíu a lume en galego a tradución dunha xoia literaria que traslada o lectorado de certa idade ás lecturas da súa infancia e que pode achegar ao lectorado máis novo personaxes e obras clásicas da Literatura Infantil e Xuvenil (LIX), así como escritores e escritoras emblemáticos de diferentes ámbitos lingüísticos.

Trátase de Sete chaves para abrir os soños (2020), de Alfredo Gómez Cerdá, prolífico e recoñecido autor da LIX en lingua castelá que, entre outros premios, obtivo o Premio Nacional de Literatura Infantil en 2009 por unha obra, lamentablemente, aínda non traducida ao galego.

O título desta obra narrativa, incluída na colección Seteleguas de Kalandraka e dirixida a un público máis avezado na lectura, anticipa a súa estrutura: sete capítulos centrados en sete autores cuxas obras abren soños. Gianni Rodari, Tomi Ungerer, Astrid Lindgren, Juan Farias, Christine Nostlinger, Roald Dahl e Gloria Fuertes son os protagonistas destas historias, grazas ás cales se poden descubrir aspectos biográficos destas relevantes plumas, recoñecer obras que eles e elas escribiron, personaxes inesquecibles que crearon e mesmo descubrir os seus estilos literarios. Amais, estas narracións son mostra tamén da prosa literaria de Gómez Cerdá, quen na súa longa traxectoria literaria ten abordado, entre outras temáticas, o poder da imaxinación para non caer na rutina e na monotonía e para evadirse de situacións reais difíciles; as consecuencias dos conflitos bélicos; a problemática do medio ambiente etc., algunha das cales están presentes neste obra.

O texto narrativo acompáñase das ilustracións figurativas de David Pintor nas que aparecen representados os protagonistas de cada un dos capítulos, así como outros personaxes de relevancia na historia concreta. Son debuxos feitos a pluma, cunhas figuras expresivas completadas con tonalidades cálidas, principalmente amarelas, ocres e laranxas.

En canto á tradución, esta correu a cargo de Isabel Soto, unha tradutora con ampla traxectoria, cuxo traballo, sempre exquisito, nunca defrauda a aqueles interesados pola lingua galega, pois nas súas escollas léxicas obsérvase o labor meticuloso e a achega ferreña pola recuperación de palabras e expresións propias.

Sen dúbida, a lectura de Sete chaves para abrir os soños é unha maneira de evadirse das circunstancias malfadadas que neste ano nos atormentan a moitos.

marta.neira@usc.es

08 feb 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.