Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ata 38 millóns do plan 2021-2027 para coidar as catedrais de Galicia

O conselleiro de Cultura presenta xunto a dióceses e concellos a folla de ruta para a conservación de oito dos bens máis valiosos do patrimonio cultural

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou hoxe na Cidade da Cultura o Plan Catedrais de Galicia 2021-2027 aprobado onte polo Consello da Xunta cun investimento de 38 millóns de euros para garantir que os bens máis senlleiros da Comunidade cheguen á celebración do vindeiro Ano Santo de 2027 nas mellores condicións. Trátase dunha folla de ruta que permitirá reforzar a planificación das obras ao tempo que se dá continuidade ao esforzo inversor levado a cabo nestes inmobles nos últimos anos tomando como exemplo o proxecto da Catedral de Santiago.

Como explicou o responsable de Cultura do Goberno galego, este plan será unha “útil ferramenta que marcará o rumbo dos próximos anos” e que inclúe a posta en marcha de máis de 60 actuacións de conservación que funcionarán como unha “gran fazaña técnica e cultural” para asegurar a debida salvagarda e recoñecemento das catedrais de Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tui, na antiga catedral de San Martiño de Mondoñedo de Foz e nas concatedrais de San Xiao de Ferrol e de Santa María de Vigo. “Estes templos son un os nosos recursos culturais máis potentes e verdadeiros monumentos que desempeñan un papel fundamental nas cidades que os albergan tanto pola súa significación relixiosa como polo seu protagonismo social”, salientou Román Rodríguez.

“As catedrais están vencelladas innegablemente á nosa historia e a noso desenvolvemento como pobo. Queremos que isto siga sendo así e por iso debemos facer un novo esforzo para que estes bens continúen sendo unha testemuña da nosa identidade e cultura”, afirmou. Nesta liña, sinalou a Catedral de Santiago como punto de partida para alcanzar o obxectivo de blindar a conservación das catedrais galegas.

“O que comezou en Santiago de Compostela foi un gran éxito colectivo e nos permitiu reestrear a Catedral nas mellores condicións despois de 800 anos”, afirmou.

Así, tal e como precisou, as intervencións pendentes de rematar na Catedral de Santiago e que se están levando a cabo na actualidade tamén están incluídas nesta estratexia autonómica para mellorar a conservación destes templos cunha achega de 6,5 millóns. En concreto, as principais intervencións contempladas son a renovación das cubertas, a restauración da fachada oeste do edificio claustral ou das capelas de San Andrés, a Soidade, Prima e do Cristo de Burgos.

“A estratexia de país posta en marcha nesta Basílica debe trasladarse ao resto dos conxuntos catedralicios guiados por un denominador común, o Xacobeo, e co obxectivo de garantir a súa preservación para as xeracións que virán tras de nós”, sostivo.

Outra das catedrais incluídas neste plan é a de Lugo, situada ao pé da Muralla no Camiño Primitivo. A nova ferramenta do Goberno galego prevé para este templo unha quincena de actuacións dotadas con case 7 millóns destinados a restaurar a zona do claustro, renovar a cuberta, rehabilitar zonas como a sancristía ou as capelas e mellorar as condicións de humidade reparando filtracións e substituíndo canlóns. Así mesmo, tamén se restaurarán bens artísticos como a porta medieval, o coro ligneo ou os órganos da epístola, do evanxeo e da Capela da Virxe dos Ollos Grandes.

A outra catedral da provincia de Lugo que se contempla neste plan é a de Mondoñedo, coñecida por ser unha das xoias do Camiño do Norte e incluída, como a de Lugo, na declaración de Patrimonio Mundial da Unesco acadada no ano 2015. Neste caso están previstas unha decena de actuacións cun investimento de máis de 6,5 millóns.

Os principais traballos que se porán en marcha son a limpeza e consolidación das torres, a rehabilitación integral da parte sen uso do Pazo Episcopal para ampliar o museo ou a resolución das humidades que afectan a diferentes puntos do templo.

Así mesmo dotarase ao conxunto catedralicio dun novo proxecto museográfico e restauraranse bens artísticos como as pinturas murais ou os órganos.

No caso da Catedral de Ourense, na Vía da Prata, está previsto un investimento de preto de 7 millóns para restaurar zonas exteriores como a Torre de San Martiño, as fachadas occidental e sur, o ciborio ou a igrexa do Pazo Arcebispal e intervir en espazos interiores como o arquivo da catedral, a reixa do altar maior, o proxecto museístico ou as bóvedas.

Un dos monumentos máis importantes do Camiño Portugués é a Catedral de Nosa Señora da Asunción de Tui, un inmoble que destaca polo seu aspecto de fortaleza e no que a Xunta de Galicia ten previsto investir máis de 9 millóns ao abeiro deste Plan Catedrais. Así, están previstas actuacións en todo o complexo entre as que destacan a restauración do claustro e da fachada norte, a consolidación do pórtico, a posta en marcha da segunda fase do Museo Pazo Episcopal ou as actuacións que se farán no interior e que inclúen a restauración de espazos e mobles histórico-artísticos.

16 jul 2021 / 18:39
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.