Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Atopan restos dunha ‘domus romana’ do século III no barrio do Carmen de Lugo

O concello lucense programará visitas guiadas previa inscrición

LUGO. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, informou este luns da aparición dunha domus romana no barrio do Carmen, nun lateral da capela que leva o mesmo nome.

O descubrimento desta vivenda produciuse dentro das prospeccións arqueolóxicas que levan a cabo nesa zona, por onde tamén transcorre o Camiño Primitivo.

Lara Méndez concretou que “nas inmediacións pode haber o que pode ser un posible lugar de almacenaxe”. “O que hoxe coñecemos como despensas de cociña”, abundou.

Así mesmo, avanzou que se seguirán con “as prospeccións, de aumentar estas catas”. “Porque vemos que poida haber riqueza que poña en valor a nosa historia”, resaltou. “Trátase de pór en valor todo o noso pasado romano e queremos seguir redescubriendo e que achados novos nos imos a atopar”, apostilou.

Á súa vez, Lara Méndez anunciou que “todo aquel que o queira visitar in situ porase a disposición, a través do servizo de arqueoloxía do Concello, visitas guiadas para o que haberá anotar se previamente e a intención é empezar o vindeiro sábado”.

As primeiras celebraranse este sábado, día 24, ás 12.00 horas e as 17.0 horas, en grupos de oito persoas debido ás restricións sanitarias. As visitas poderanse ampliar se existe moita demanda. Os interesados poden inscribirse no seguinte correo dusilugo@lugo.gal ou chamando ao teléfono 982297266.

Esta é a terceira ocasión na que se intervén a zona, logo de que o servizo municipal de arqueoloxía realizara traballos neste espazo nos anos 1994 e 2005. Estas intervencións revelaron a existencia nesta zona dunha importante ocupación do espazo urbano durante os primeiros séculos de existencia da cidade, que durante a súa etapa baixoimperial puido ter acollido espazos de carácter funerario ou necrópoles, vencelladas ao decurso da vía romana á súa saída da cidade.

O obxetivo destes traballos é poñer en valor o patrimonio histórico e cultural desta zona, situada á saída do recinto amurallado pola Porta Miñá. Ademais, únense a outras actuacións que o Goberno de Lara Méndez está a levar no barrio do Carme, no marco do programa DUSI Muramiñae, cofinanciado ao 80 % pola Unión Europea a través do Feder, como a mellora do Camiño Primitivo e a Vía Romana XIX, ou o arranxo da cuberta da Capela do Carme, intervención para a que o executivo municipal destinará 70.000 euros.

Deste xeito, “seguimos a traballar na recuperación deste barrio como espazo de lecer para a cidadanía e como acceso sostible desde a trama urbana á contorna do río Miño”, concluíu Lara Méndez.

Pola súa banda, o arqueólogo municipal, Enrique González, pormenorizou que podería tratarse dunha “primeira ocupación do século primeiro”. “E o que se ve agora, intuímos, que poida ser do século terceiro”, abundou.

Así mesmo, González detallou que o que se observan “son os restos dunha edificación”, cren que “de carácter artesanal”. “Non parece a típica domus romana que estaría vinculada á vía romana que discorría na leira de á beira. Sabemos que nesta zona había presenza de fornos cerámicos, unha especie de barrio oleiro, e cremos que pode estar relacionado con iso”, concluíu o arqueólogo do Concello de Lugo. ECG

19 abr 2021 / 13:59
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.