Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

‘Baiuca’ e Laura Lamontagne participan en ‘Conseguiremos’

Os músicos Alejandro Guillán Baiuca e Laura Lamontagne son os protagonistas do novo capítulo de Conseguiremos, a serie coa que a Real Academia Galega e a Universidade de Santiago de Compostela abren o proxecto Novas voces para a lingua para conectar a mocidade co idioma.

Na peza audiovisual, gravada no Porto de Santa Cruz (Oleiros), os dous mozos conversan sobre a capacidade de chegar coa música en galego “a calquera parte do planeta”.

A produción presentouse a finais de 2020 coa estrea do episodio protagonizado pola futbolista Verónica Boquete –no estadio compostelán que leva o seu nome– e completarase coa difusión doutros tres diálogos entre mozos exemplo da Galicia con máis talento e que empregan o galego en todos os contextos da vida, da creación e do desenvolvemento profesional.

Alejandro Guillán (Catoira, 1990) e Laura Lamontagne (Lugo, 1993) teñen en común a súa aposta pola fusión do herdo cultural e a vangarda no ámbito musical.

“Creo que temos que saber mirar un novo mundo no que o idioma non é algo pechado. Se se fai con outras músicas que veñen aquí, por que nós non imos ir tamén a outro lado?”, reflexiona Alejandro Guillán, que colleita éxitos mesturando a música tradicional e a electrónica.

“Temos que atopar esa universalidade na literatura, na cultura e no idioma galegos que os faga saír fóra”, concorda Laura Lamontagne, que fusiona tamén a electrónica ou o hip-hop con versos da literatura, oral e escrita, dende as cantigas de Martín Códax a Rosalía de Castro.

Nas vindeiras semanas estrearanse os demais capítulos, protagonizados polo director Andrés Goteira e a estudante de cine Sara Hermo; Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro, as actrices da Panadaría Teatro, e o tamén actor Daniel Celester, e a psiquiatra e divulgadora Iria Veiga e o coñecido xenetista Ángel Carracedo.

iniciativa da RAG e a USC. A serie é a resposta á proposta da RAG que concibiron Paula Quiroga (directora), Lois Alcayde (guionista) e Meritxell Álvarez (produtora). Os tres estudantes de Xornalismo e Comunicación Audiovisual da USC fixeron realidade a primeira edición de Novas voces para a lingua co apoio de tres profesores do centro, Ana Isabel Rodríguez, Gaspar Broullón e Martín Vaz, e da propia academia.

“Co título Conseguiremos, que é tamén unha declaración de intencións, vontade e entusiasmo, os autores e os protagonistas dqueren amosar unha maneira de falar a lingua galega, a dos seus pais, mais sobre todo a que eles, as novas xeracións, escollen libremente non só para expresarse e relacionarse senón para crear, para vivir a contemporaneidade, para producir cultura e para desenvolverse profesionalmente no mundo das artes escénicas, a música, a ciencia, o deporte, o cinema...”, salienta o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.

“Queremos darlles voz a novos creadores que nos instalan decididamente, con afouteza e sen complexos, no século XXI”, engade.

16 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito