Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 27 octubre 2021
08:52
h

Baltar apoiará a rodaxe en Ourense dunha nova serie: ‘Hotel Valquirias’

Confirmoulle ao presidente e ao produtor de CTV a colaboración da institución provincial ourensá con este proxecto// É unha coprodución galego-portuguesa

A provincia de Ourense volverá novamente a ser protagonista cinematográfica, dentro da estratexia que impulsa o goberno provincial para atraer producións audiovisuais ao “gran plató de cinema” do territorio provincial. Nesta ocasión será a serie televisiva Hotel Valquirias, unha coprodución galego-portuguesa que se rodará, entre outras, en diferentes localizacións da provincia de Ourense e que contará co apoio da Deputación de Ourense.

Así llo confirmou o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, ao presidente e ao produtor da compañía audiovisual CTV, Ghaleb Jaber e Ghaleb Jaber Martínez, respectivamente, na reunión que mantiveron no Pazo Provincial e na que Baltar comprometeu a colaboración da institución provincial con este proxecto cinematográfico. “De novo, a nosa provincia volve estar no máis alto das producións cinematográficas e televisivas, nesta ocasión cunha serie que recolle a testemuña de producións como El desorden que dejas ou O sabor das margaridas, que acadaron o top 10 de series máis vistas en Netflix España e o top 10 de series non inglesas en Reino Unido e Irlanda, respectivamente”, afirma Manuel Baltar.

Hotel Valquirias narra unha historia ligada ás terras ourensás e aos seus valores: ser unha provincia aberta e ponte entre comunidades e países. A serie está ambientada nun hotel fronteirizo entre Ourense e Portugal, coas singularidades “arraianas” que elo leva consigo, un sentimento de unión con Portugal que se plasma de maneira orgánica na serie grazas ao trasfego de hóspedes e outras personaxes a un e outro lado da fronteira. As protagonistas son tres mulleres que, afundidas polos seus problemas persoais e económicos, deciden unirse para acadar un futuro mellor.

A serie transcorrerá entre as paisaxes da “raia seca” e a “raia húmida”, potenciando os atractivos patrimoniais, históricos e naturais da provincia e entroncando coa iniciativa da Deputación de Ourense de promover a sede da Casa da Lusofonía na provincia ourensá. Ademais da realidade fronteiriza, contará con personaxes galegos e portugueses as cales, polas súas profesións ou particularidades vivenciais, visitarán outros puntos de interese da provincia.

PRIMEIRA DRAMEDIA. Hotel Valquirias é unha coprodución entre dúas das produtoras máis importantes de Galicia e Portugal, CTV e SPi, e ten como obxectivo converterse na primeira dramedia da plataforma que ten como escenario o país luso e que mestura drama, suspense, emoción e humor. Ambientada nun antigo hotel de estrada transfronteirizo, as tres mulleres protagonistas únense nun perigoso plan delituoso no medio de branqueo de diñeiro, mentiras, loitas de poder e perigo de morte.

Produtora de referencia
Sobre CTV

··· CTV Producións Audiovisuais nace en 1985 co obxectivo de converterse nunha produtora de referencia no sector audiovisual.

··· Forma parte do Grupo Araguaney e dispón de máis de 10.000 metros cadrados de estudos de cinema e televisión distribuídos en estudios de 1100, 1000, 800, 600 e 200 metros cadrados, dotados de camerinos, oficinas de produción, área de construción de decorados, estudos de dobraxe, de gravación de son e salas de posprodución.

··· As producións de CTV destacan pola súa calidade, froito de máis de trinta anos neste ámbito, pero tamén por dispoñer de medios e instalacións punteiras onde un gran equipo humano dá o mellor de si. “As nosas producións destácanse pola súa calidade e así se reflicte nos seus datos de audiencia”, contou Ghaleb Jaber Martínez nalgunha ocasión.

07 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.