Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

‘Bamboleo’ recibe ao artista do pop español Funambulista

Ademais, tamén asistirán Andrés Balado, a orquesta Marbella e o grupo Remember // Non faltarán os concursos musicais e amorosos

Bamboleo chega hoxe cunha magnífica selección musical para pasar unha noite alegre e divertida. Nesta ocasión, Xosé Manuel Piñeiro recibe a visita de Funambulista, un dos artistas de maior éxito do pop español actual. Diego Cantero, coñecido polo nome artístico de Funambulista, vén presentar seu novo disco, Animal, que recolle temas cheos de vitalidade e esperanza, como Me gusta la vida ou El mismo lugar. O artista murciano falará desta nova etapa na súa carreira e participará nos xogos de Tamara Pérez e Claudio Pan.

Andrés Balado será outro dos convidados do Bamboleo desta noite. Bautizado como ‘o Bruce Springsteen galego’ pola súa voz rachada e os seus toques roqueiros, o artista de Cariño presenta o seu disco Entrelazados.

A música máis verbeneira vai estar representada pola orquestra Marbella, mentres que o grupo Remember, que foi sete veces campión de Galicia, encherá de ritmo a pista de baile. Ademais, o polifacético Isi regresará con novas e divertidas historias.

Raquel García e David Vázquez serán os participantes desta noite no ‘Agora ou Nunca’, onde cantarán Quédate conmigo, de Pastora Soler, e My Way, de Frank Sinatra. Entoar unha canción e adiviñar intérpretes é o que lles agarda aos participantes de ‘A Jrileira’. Competirán nesta ocasión a Comisión de Festas de Santo Tomás de Ancorados, da Estrada, e a Comisión de Festas de Santa Marta da Laxe, de Vilagarcía de Arousa.

Finalmente, a ‘ITV do Amor’ porá a proba unha parella de namorados, que para levar un marabilloso premio deberán enganar un participante do público. É a proba máis picante do programa, en que colaboradores, público e xente da casa poden sacar as súas propias conclusións.

A nova etapa de ‘Galicia de 20 a 20’ que a TVG ofrece esta tarde iniciarase en tren facendo o percorrido Monforte-Montefurado, igual que fixo Ruth Matilda Anderson en 1924. Unha vez chegadas ao destino, Sonia Méndez e Leticia T. Blanco conversarán con Casimiro Mondelo, un home de 95 anos que ten unha memoria prodixiosa. Xunto a el, visitarán Montefurado e intentarán actualizar a imaxe que Ruth deixou desta aldea.

A viaxe continuará cara a Lentellais, no concello do Bolo, para buscar un pozo retratado pola fotógrafa hai cen anos. No día de San Xoán, Ruth inmortalizou unhas mozas mentres comían nunha romaría en Viana do Bolo. Esta festa xa hai moito que se deixou de facer, pero Elisa Murias, unha veciña da aldea de Punxeiro, aínda lembra ben como era. O programa achegarase alí para buscar o lugar da foto e para saber máis desta celebración.

Os espectadores continuarán aprendendo sobre Ruth Matilda e, desta vez, farano cunha videochamada con Noemí Espinosa, historiadora da arte que fixo a súa tese de doutoramento sobre Anderson. Este pedaciño da viaxe rematará en Verín, onde Ruth Matilda lle mercou fotos a Ramón Godás. Alí, o programa falará con Suso Godás, que continúa coa saga de fotógrafos da familia Godás.

Na entrega de ‘Tal como somos’, o programa fará un percorrido polos grandes escritores e escritoras da literatura galega. Todos eles teñen en común a gran habilidade que demostran para transitar con facilidade entre a realidade e o fantástico, algo que desde sempre subministra xenerosamente a terra aos seus artistas.

17 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
TVG
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.