Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 30 noviembre 2021
02:47
h

Baterías de costa: unha guía sobre un recurso singular de Ferrolterra

Santiago. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, demandou hoxe “a implicación de todas as administracións” para recuperar as baterías de costa como recurso turístico singular da comarca de Ferrolterra e por “respecto pola historia e pola xente que dedicou a súa vida a estes espazos”.

González Formoso participou hoxe na sala de conferencias do Faro de Cabo Prior, en Ferrol, na presentación do libro Guía de Baterías de Costa da provincia da Coruña, editado pola Deputación da Coruña. Un acto no que tamén estivo presente o alcalde do Concello de Ferrol, Ángel Mato; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; e os autores do texto, José Manuel Yáñez e José López Hermida, así coma a deputada provincial Ana Lamas e os alcaldes de varios concellos da comarca que dispoñen de baterías defensivas na súa costa coma Valdoviño e Ares.

“O que hoxe presentamos é unha mostra, por parte da Deputación da Coruña, de respecto á historia, de respecto ás persoas que se implicaron na construción destas instalacións espectaculares, a quenes foron expropiados, aos que as vixiaron, coidaron e mimaron durante décadas, a unha cidade como é Ferrol, que leva unha vida adicada á algo tan importante como a defensa deste país, e tamén aos concellos da contorna”, destacou o presidente, que indicou que estes espazos forma parte tamén “da historia persoal de moita xente que xa peina canas e que fixo o servizo militar en Ferrol”.

González Formoso pediu a implicación de todas as administracións “non só na catalogación do que foron as baterías, senón tamén na súa recuperación” e foi rotundo ao explicar que “a calquera nos da vergoña vir a ver unha batería de costa, un espazo único que forma parte do noso patrimonio histórico, visitado por miles de persoas cada ano, nacionais e estranxeiros, no estado actual”.

Neste sentido, González Formoso fixo unha chamada de atención a todas as administracións “para involucrarnos activamente en limpar estes espazos, sinalizalos, vixialos, mantelos rozados, accesibles”.

“Temos que ser capaces de facer un acto aquí dentro de poucos anos e sentirnos orgullosos de restaurar o respecto pola historia e pola xente que dedicou a súa vida a estes espazos”, sostivo o presidente, que destacou a importancia que estas infraestruturas teñen como atractivo turístico noutros puntos do mundo. “Hai un turismo militar organizado por axencias a nivel internacional”, lembrou González Formoso, que instou a aproveitar esta oportunidade.

Pola súa parte, o alcalde Ángel Mato explicou que as baterías de costa “constitúen un enorme recurso turístico xa que hai moito interese por este tipo de instalacións e Ferrol ten un enorme patrimonio aínda por descubrir ligado ao seu propio nacemento como cidade” e lembrou que “mantelo é caro pero sempre paga a pena”.

O rexedor ferrolán cree que “a guía ofrece unha visión da evolución histórica das defensas planificadas ao redor da base que había en Ferrol, que é única” e avoga por “aproveitar pouco a pouco estes recursos” subliñando que “no caso de Ferrol xa temos avanzado o convenio que nos vai a permitir dispor dunha parte importante das baterías como propiedade municipal e isto debería ser o pistoletazo de saída”.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, expresou a súa “sensación de que moi pronto Ferrol vai ocupar o sitio a nivel mundial que se merece xa que ten moitas potencialidades para ocupar un lugar de primeira orde no turismo estatal e galego e a historia militar é un bo complemento”.

Regueira cualificou a guía como “un produto moi ben vertebrado, escrito e documentado” e comentou que “antes desta presentación xa tíñamos unha gran demanda sobre a guía e polo tanto é evidente que hai un turismo interesado no patrimonio militar”.

“Nun país maduro seguramente este sitio estaría balado, cobraríase unha entrada e a xente levaría unha experiencia turística completa e formidable desta contorna. Niso é no que temos que traballar, en conseguir que o noso territorio se desenvolva a partir deste tipo de proxectos”, resaltou.

Un dos autores da guía, José Manuel Yáñez, destacou que “A Coruña ten unha posición singular, non só xeoestratéxica, senón que é a provincia de todo o territorio español que ten máis lonxitude de costa, que vai desde acantilados a calas, praias, rías, etc”.

“Só hai catro enclaves no territorio español que poden presumir desta riqueza patrimonial: o golfo ártabro, Cádiz, Cartaxena e Mahón. Poucos coas peculiaridades xeográficas, paisaxísticas ou militares como o que temos aquí ao redor de Prior, Campelo e demais”, incidiu Yáñez.

Por último, José López Hermida, destacou tamén a singularidade da costa coruñesa neste aspecto e valorou a utilidade da guía porque “a xente chega aquí orfa de información e colle na maioría dos casos datos erróneos”. Hermida agradeceu á Deputación que creara tamén unha exposición “que se apoia nesta guía e que será itinerante para aportar coñecemento sobre o tema”.. ecg

08 jul 2021 / 18:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.